A CONSTANCIA NA GALEGUIZACIÓN XURÍDICA

    Coa presenza dunha ampla representación institucional e profesionais da avogacía, celebrouse no edificio da Audiencia Provincial de Ourense na tarde de onte un acto de homenaxe ao maxistrado D. Xoán Manuel Alfaya Ocampo e ao letrado D. Miguel A. González Trigás, ámbolos dous causantes da primeira sentenza ditada en lingua galega no Xulgado de Primeira Instancia  núm. 2  de  Ourense en marzo de 1988.

    O avogado membro da Irmandade Xurídica e Vicedecano da Facultade Ciencias Xurídicas e do Traballo da UdeVigo, D. Xosé Manuel Pacho Blanco e a avogada ourensá Dna. Yolanda Ramos Capelo, tamén da IXUGA, con cadansúa intervención centradas na necesidade de recoñecer a existencia dunha tradición xurídica galega que tivo querencia pola galeguidade, apelaron ao sentido da responsabilidade dos operadores xurídicos instándoos á utilización da lingua galega perante os órganos xurisdicionais. D. Antonio Piña Alonso, Presidente da Audiencia Provincial de Ourense, apuntou na súa intervención a importancia de exercer a profesión tendo en conta a realidade cultural de Galicia “porque o Dereito no territorio onde se exerce ten peculiaridades de seu que a lingua galega vehiculiza con maior precisión”. Tanto o maxistrado D.  Xoán Alfaya Ocampo como o letrado D. Miguel A. González Trigás agradeceron á Irmandade Xurídica Galega a homenaxe que lles tributou facendo referencias aos seus respectivos exercicios profesionais no idioma galego porque é unha maneira de prestixiar a lingua cara á sociedade. 

    O Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez, suliñou que actos de galeguización xudicial como éstes que leva a cabo a Irmandade Xurídica Galega son imprescindibles  no calendario da normalización lingüística nun ámbito institucional que presta servizos á cidadanía, pois o galeguismo xurídico debe estar presente como unha actividade normal nos procedementos procesuais. 

    Unha placa de bronce conmemorativa quedou para sempre colocada na entrada do edificio da Audiencia Provincial en homenaxe tamén a todos os operadores xurídicos que fan posible a galeguización xurídica. 

    Previous articleFRANCO GRANDE. TECENDO GALEGUIDADE.
    Next articleXIII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega