A LINGUA GALEGA SINAL DE SEGURIDADE

    Para que un país sexa tal, cómpre que a cidadanía se implique na defensa dos seus sinais de identidade e empregue a lingua galega en todos os usos sociais. O ordenamento xurídico -estatal e galego- recoñecen e amparan o fomento do noso idioma sen ningunha restrición, garantindo así os dereitos lingüísticos de todos: traballadores, empresas e consumidores. 

    En coherencia cos devanditos criterios, o Foro Peinador vén desenvolvendo unha actividade incesante para espallar o discurso da identidade. Este convencemento vén determinado polo éxito social acadado polas empresas que estableceron medidas progresivas de galeguización.

    Con esta finalidade celebrouse no día de onte en Compostela, na sede de  SEGURIDADE A1, empresa tecnolóxica especializada en solucións de seguridade que desde a súa orixe promove o uso do galego en todos os seus ámbitos de comunicación.  Neste acto de reafirmación da galeguización empresarial a empresa, en alianza co Foro Peinador e a Xunta de Galicia, acordou poñer en práctica un plan máis amplo para consecución de varias propostas. 

    No vestíbulo da empresa colocouse un placa de bronce en recoñecemento e louva a Seguridade A1 polo seu compromiso permanente co uso da lingua galega nas súas actividades  o que supón un exemplo  claro  de  galeguización empresarial.

    Nun escenerio montado con todo o esmero para o acto ao que asistiron máis de 80 persoas, entre os que estaban Xoán A. Allegue López, presidente da Cooperativa Martín Codax;  Benigno Pereira, director xeral de Queixerías Bama; Xerardo García, director xeral de Itelsis; Carmen Pampín, directora xeral de GalChimia e presidenta de Bioga asi como o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, o director xeral da empresa Seguridade A1, Manuel Rial e o seu fillo Manuel Rial. 

    Foi un acto significativo e do que esperamos saian outros compromisos futuros coa normalización da lingua galega no eido empresarial, porque dinamizar a lingua nos ámbitos mercantís e na etiquetaxe dos produtos elaborados en Galicia é facer unha proclama clara contra os efectos perversos da diglosia causados moitas veces por axentes activos e pasivos. 

    O acto foi amenizado pola gran fadista María do Ceo e os seus músicos. 

    Previous articleXIII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
    Next articleLUGO, EXEMPLO DE GALEGUIZACIÓN XURÍDICA