Rodriguez Lopez Auto, unha empresa de ambulancias que tamén coidará da saúde da nosa lingua

    En que consisten os actos de Investidura de Galeguidade Empresarial que organiza e convoca o Foro E. Peinador -preguntarase o lector-. Pois concretamente na asunción de medidas de política lingüística aplicadas á empresa que se suma a esta iniciativa.

    Tal foi o caso de Rodríguez López Auto, unha empresa situada no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas en Ourense que naceu na década dos 80 e que en menos de 15 anos é lider na fabricación de vehículos especiais, nomeadamente de ambulancias que son hoxe as máis demandadas a nivel nacional e incluso doutros paises da UE.

    A galeguización de Rodriguez López Auto foi anunciada o pasado día 13 de decembro nun acto moi emotivo polo recordo a quen foi o seu fundador D. José Rodríguez López a quen se lle dedicou unha placa de bronce por ser quen soñou coa súa escenificación.

    O acto estivo presidido polo Presidente do Parlamento de Galicia, amigo que foi de D. José Rguez. López, polo Secretario xeral de Política Lingüística, pola Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, o Presidente do Foro E. Peinador; o alcalde do concello de San Cibrao das Viñas; o Director xeral de Rguez. López Auto participando tamén nel a súa viúva Dª Celia Jorge e outro dos seus fillos D. Oscar Rguez. Jorge.

    Lopez Auto

    Foi un acto de especial singularidade no que a empresa presentou xa moitos pasos na galeguización empresarial como a súa páxina web en galego, a documentación e publicidade impresa en galego, os manuais de instrucións das ambulancias asi como as pantallas táctiles das mesmas que xa teñen incorporado un programa informático en galego. Sabemos que a partir de agora, no que fai ás relacións laborais, a negociación colectiva, pagamento de nóminas e sinatura de contratos tamén será feito no noso idioma tal como o anunciou D. Enrique Rodríguez Jorge, director xeral da empresa.  A sinalética dos 32.000 m². de instalacións tamén se fará en lingua galega. O seu compromiso vai moito máis aló e esténdese as relacións coas administracións públicas ou con outras empresas, tamén nos actos xurídicos documentados e nas relacións coa Administración de xustiza.

    Moitos empresarios e empresarias do polígono industrial estiveron presentes neste acto de compromiso coa lingua galega, así como amigos e os traballadores e traballadoras que pararon a súa xornada para asistiren a el. Para celebrar esta iniciativa  houbo música de man do dúa formado por Rosa Cedrón e Emilio Rúa. Un acto cheo de contido e sensibilidade coa nosa lingua e cultura pero sobre todo no que se visibilizaron as potencialidades do galego como lingua válida para o mundo da empresa e da economía.

    Previous articleHomenaxe ao empresario D. Antonio Fernández López
    Next articleVI Asemblea da IRGADE