TERRA, POBO E LINGUA
O lema elixido pola Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros para a celebración da súa VI Asemblea define claramente os seus obxectivos: dinamizar a economía para fixar poboación no rural e manter enceso o sinal de identidade do país, a lingua galega.
O día 11 de xaneiro, nun día frio e cheo de brétema, celebrouse en Ribadavia, na sede do Museo Etnolóxico un acto cheo de calor e sentimento polo noso no que 23 empresas do sector agroalimentario galego compareceron para formalizaren o ingreso na Irmandade, alcanzando xa un número superior ao cento e constituindo o núcleo revitalizador deste proxecto galeguizador que se iniciou polo Foro Enrique Peinador hai xa 8 anos.
Unha manchea de sectores produtivos importantísimos para animar na ilusionante tarefa de identificar os produtos da terra coa lingua: Aceites, viños, embutidos, queixos, leite, conservas, cervexas, mel, pan, marmeladas, fabas, patacas, grelos, produtos da horta… son etiquetados en galego facendo ver aos consumidores e consumidoras que o galego vende.
Na súa intervención, Xosé González, presidente do Foro Peinador, fixo fincapé na importancia de afortalar a Irmandade con novas incorporacións para demandar dos usuarios galegos o apoio a esta oferta de marcas comerciais que ofrecen produtos de calidade, ao tempo que se fan recoñecer por unha lingua que é, aínda hoxe, a maioritaria de Galicia. Unha lingua que reforza a denominación de orixe e a identidade dos produtos nos mercados onde se ofrecen.
Xosé Carballido Présas, Coordenador da Irmandade, fixo un repaso polas diversas iniciativas que ao longos destes anos ten levado a cabo a Irmandade, mobilizando a organizacións políticas, sindicais e mesmo cidadás, incluso ao Parlamento de Galicia, que se pronunciaron a prol da defensa da galeguización da economía.
É de salientar as intervencións entusiásticas dalgunha das marcas representadas no acto: O Pepiño de Allaríz; Adegas Galegas, Horta da Terra ou Milhulloa.
María do Ceo, coa súa fermosa e cálida voz acompañou a palabra dita e animou ao numeroso público asistente que coreou incluso algunha das súas cancións.