Día da Galeguidade Empresarial
homenaxe ao empresario D. Antonio Fernández López
95º aniversario do I Congreso de Economía de Galicia
En Lugo, onde a muralla romana encerra a súa cidade desde hai dous mil anos, celebrou o Foro Enrique Peinador en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial de Lugo o Concello de Lugo e o Grupo El Progreso de Lugo, o Día da Galeguidade Empresarial coincidindo co 95º aniversario do I Congreso de Economía de Galicia que soubo concitar adhesións de portas afóra das súas murallas no ano 1925.
O acto celebrouse da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC no campo lugués. Primeiro foi a descuberta dun monumento en bronce ao empresario D. Antonio Fernández López, obra do escultor José Molares, coa placa conmemorativa que reza “empresario e galeguista, impulsor da economía galega a partir dos seus recursos naturais e promotor de iniciativas transformadoras de exitosa proxección internacional” porque desde o Foro Peinador consideramos que a súa figura, descoñecida para moitos en Galicia e concretamente por aqueles estudiantes que hoxe serán os futuros empresarios e empresarias galegos, debe ser exemplo a seguir no desenvolvemento económico da nosa terra. O pensamento deste sobranceiro empresario está ben definido na revista de Economía de Galicia, da que formaba parte do seu consello de dirección. Antonio Fernández López participou na creación das empresas Frigsa, Tranfesa, Zeltia e Cementos do Noroeste, entre outras, como a Granxa de Barreiros e o Centro de Estudos Fingoi, exemplos da renovación pedagóxica nuns tempos no que o sistema educativo estaba lastrado por todos os males.
Como precursor da Responsabilidade Social Corporativa ou Empresarial, no haber de Antonio Fernández López está o seu mecenado á cultura galega e o fomento do noso idioma; o seu compromiso cos valores patrimoniais de Galicia non lle impediron ser un empresario de éxito nos seus negocios.
Posteriormente desenvolvéuse no Salón de Graos da facultade unha xornada de reflexión na que participaron coñecidos especialistas en cadanseu ámbito do coñecemento que formularon alternativas aos retos que arestora e cara ao futuro ten Galicia.
O acto estivo presidido polo Secretario xeral de Política Lingüística, o Reitor da USC; o presidente do Foro Enrique Peinador; a alcaldesa de Lugo; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, a presidenta do Grupo El Progreso e outras autoridades.
Foi un acto moi concurrido no que máis de cen persoas, entre as que se encontraban moitos empresarios e empresarias galegos participaron dos relatorios e das propostas realizadas.