Onte reunímonos no concello de A Baña para homenaxear ao insigne maxistrado Daniel García Ramos con motivo do 25 aniversario do seu falecemento. Un evento organizado pola Irmandade Xurídica Galega en colaboración co Concello de A Baña e a Xunta de Galicia que nos permitíu recordar o seu traballo como firme defensor do uso do galego na xustiza nun tempo no que a presenza do noso idioma no ámbito xurídico era case anecdótica.
Fillo predilecto do seu concello desde o ano 1998, Daniel García Ramos, destacou como un dos máis brillantes maxistrados do TXSG, pero máis aló da súa impecable traxectoria profesional, a súa paixón por Galicia e coa convición da importancia de impartir xustiza en galego como parte indisoluble do pobo, fixeron del un referente na defensa dos dereitos lingüísticos no entorno da administración de xustiza, loitando con valentía para que as xentes do pobo tivesen acceso a unha xustiza na súa lingua materna. Un dereito que, a día de hoxe, segue sendo fundamental para garantir a igualdade de todos os galegos e galegas perante os tribunais de xustiza.
O 25 aniversario do seu falecemento, data na que Daniel cumpriría 90 anos, foi a ocasión perfecta para recoñecer un legado que segue vivo naqueles irmandiños e irmandiñas que conforman a Irmandade Xurídica Galega e que traballan a cotío para garantir a presenza e a promoción do galego no ámbito xurídico dignificando o noso idioma e a súa plena normalización na sociedade galega, servindo de estímulo e exemplo para as novas xeracións de profesionais do dereito.
Interviron no acto, Carlos Varela García, Fiscal da Fiscalía Superior de Galicia; Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Irmandade Xurídica Galega; Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística; Luciano Varela Castro, Maxistrado do Tribunal Supremo e íntimo amigo de Daniel García Ramos; Antonio López, Reitor da USC e o alcalde de A Baña, Andrés García Cardeso que louvaron a figura do homenaxeado.
Amigos e familiares de Daniel García Ramos estiveron presentes nun acto sinxelo pero cheo de contido e recordo a un defensor incansable do noso patrimonio lingüístico no ámbito xurídico.
Un grupo de gaiteiros tocaron varias pezas ao remate do acto previo á ofrenda floral no monumento que desde hai varias décadas preside a praza da súa terra natal, fronte a casa consistorial, en recordo da súa figura, exemplo e compromiso, paixón e perseverancia na defensa da lingua galega na xustiza.