Paula Godinho na Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto

    No cume do Parque Natural da Serra de A Peneda – Xurés, en Castro Laboreiro, celebrouse o acto de ingreso na Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto da antropóloga Dª. Paula Godinho. O seu discurso versou sobre aqueles aspectos peculiares dun territorio que ten as súas oríxes na idade media. Salientou a profesora a importancia que tivo no seu día o ordenamento xurídico que regulaba a existencia de tan singular entidade territorial en tempos de frecuentes guerras, ao non teren que acudir a elas os habitantes das tres aldeas que conforman ese territorio singular, Meaus, Santiago e Rubiás, por estaren exentos de participaren nos exércitos dos reinos de Galicia e Portugal. A existencia do Camiño Privilexiado, como vieiro para transitaren as mercadorías con exención de tributos, dáballe ao Couto Mixto unha característica pouco común no contexto histórico onde os señoríos impuñan impostos e outros gravames económicas.

     
    Paula Godinho é unha especialista nas comunidades transfronteirizas alén do Couto Mixto, sendo unha autoridade académica con abondosa obra publicada sobre os pobos de alén e aquén da raia. 

    A Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto é unha iniciativa da Asociación de Amigos do Couto Mixto que tenta incorporar a esta nova entidade personalidades relevantes que cos seus coñecementos e estudos contribúan a crear a formación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, sen interferir nas competencias que son propias das institucións públicas estatais do Estado español, Portugal e as da Unión Europea. Considera a Asociación de Amigos do Couto Mixto que a cooperación da sociedade civil para alentar o proceso de consolidación do espazo que noutrora chamarase Gallaecia é imprescindible e complementaria.

    A resposta ao seu discurso de ingreso foi por parte do Presidente da Asociación do Couto Mixto e por ende da Academia das CC.SS.do Couto Mixto, D. Luís M. García Mañá. 

    Previous articleO legado de Daniel García Ramos: un facho para o futuro do galego na xustiza
    Next articleA Franqueira, tradición e galeguidade.