Foi na Facultade de Medicina da USC onde quedou chantado o busto en bronce, obra do escultor José Molares, de quen foi un brillante estudante de medicina, especializado en oftalmoloxía, na década dos anos 40, o doutor Antón Beiras García, a quén o colectivo Galeguizar Galicia, nomeadamente a Irmandade da Sanidade Galega en colaboración coa Xunta de Galicia, o concello de Santiago de Compostela e a USC, quixo homenaxear pola transcendencia da súa labor socrática a favor da galeguización da práctica médica.
Unha ampla representación da familia asi como membros da ISAGA e da AFNLG e amigos e amigas participaron no acto no que se fixo unha semblanza do doutor Beiras por parte dos integrantes da mesa. A doutora Flora Miranda Pena, coordinadora da Irmandade da Sanidade Galega, fixo un amplo repaso pola vida do homenaxeado e por aspectos moi concretos que aportaron unha nova visión da persoa aos asistentes ao acto.
O presidente da Asociación de Funcionarios, D. Xoaquín Monteagudo Romero, fixo un relatorio sobre a figura do doutor Antón Beiras e os motivos polos que o colectivo Galeguizar Galicia, nomeadamente a AFNLG e ISAGA, se preocupan por buscar referentes que apoien os fundamentos que defenden desde as entidades que o conforman.
Dna. María Lourdes Batán, Subdirectora xeral de Política Lingüística, agradeceu estar presente no acto representando ao Secretario Xeral D. Valentín García Gómez indicando que a Xunta de Galicia estará sempre apoiando actividades como as que se desenvolven desde o colectivo Galeguizar Galicia porque apoian e defenden a lingua e a cultura do país.
O Reitor da USC, D. Antonio López, dixo sentirse orgulloso de participar na homenaxe e de recuperar a figura do doutor Antón Beiras para a USC porque este sitio de honra era unha asignatura pendente que a universidade tiña con tan insigne persoeiro desde facía moito tempo.
O fillo do homenaxeado, D. Hixinio Beiras, dixo sentirse plenamente emocionado e agradecido pola homenaxe ao seu pai e deu as grazas en nome propio e de toda a familia as institucións que o fixeron posible e nomeadamente ao colectivo Galeguizar Galicia por estar sempre traballando a prol da defensa da lingua e da cultura de Galicia.
O Decano da Facultade de Medicina, D. Julián Álvarez, na súa intervención expuso sentirse agradecido por participar na homenaxe a un home comprometido con Galicia e cos seus sinais de identidade.
O alcalde de Santiago de Compostela, D. Xosé Sánchez Bugallo, agradeceu a posibilidade que se lle deu ao concello para formar parte desta merecida homenaxe ao doutor Antón Beiras García.