Restaurando a memoria en Santo André de Camporredondo, Ribadavia “En galego, agora e sempre”.

    A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) vén convocando todos os anos actos arredor da restauración da memoria lingüística de Galicia nos camposantos en colaboración cos concellos galegos e a Xunta de Galicia. Unha campaña pedagóxica que o que pretende non é outra cousa que incentivar o uso da lingua galega tamén neses momentos difíciles de extinción das persoas, poñendo en valor o idioma que os identificou en vida para asi recordalos para sempre.  Por ese motivo desde hai máis de 20 anos levamos adiante a campaña “En galego, agora e sempre”. 

    Foi no concello de Ribadavia, na igrexa de Sto. André de Camporredondo, cando este pasado domingo levamos a cabo un acto sinxelo pero cheo de sentido e memoria, porque reivindicala é algo necesario para sabermos quen somos e cara onde imos.  

    Tomaron parte no acto Xosé González Martínez e Carme Vaquero en representación da AFNLG, a alcaldesa do concello de Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso, o concelleiro voceiro de economía Brais Fidalgo; a tenente de alcalde Paula Rodríguez; a concelleira do BNG Maite Rodríguez; o concelleiro do PP e vicepresidente da Deputación de Ourense César M. Fernández Gil; a senadora do PP Carmen Leyte; o escritor Armando González López; a cineasta Laura Gardós Velo -neta de Carlos Velo-; adegueiros e veciños e veciñas da parroquia que a pesar da choiva estiveron presentes na descuberta da placa en recordo de todos aqueles que xacen no camposanto, porque grazas a eles, Galicia segue a ter lingua e cultura de seu.  

     

    Previous articleHomenaxe ao Doutor Antón Beiras. Visibilizando a memoria
    Next articleDeclaración de Pontevedra