Homenaxe a Orencio Gonzalez

    Homenaxe a Orencio Gonzalez

    O día 31 de outubro de 2008 celebrouse, a instancias da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, un acto de homenaxe a D. Orencio González Pérez que fora, durante moitos anos, titular do Xulgado de Instrución núm. 5 de Vigo e membro destacado da devandita Asociación.
    O salón do Colexio de Avogados situado no edificio dos Xulgados, encontrábase ateigado de personalidades do mundo do dereito así como de amigos e amigas do maxistrado falecido. O acto estivo presidido polo Fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela García; por D. Luís Manuel García Mañá, Xefe Superior de Policía de Galicia; polo Presidente a Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra, D. Xosé Xoán Barreiro Prado; polo Decano do Colexio de Avogados de Vigo, D. Alfonso Álvarez Gándara; polo Presidente da Irmandade Xurídica Galega, D. Xoaquín Monteagudo Romero; polo Secretario do Xulgado de 1ª Instancia núm. 6 de Vigo, D. Rosalino González Serodio e polo Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, D. Xesús López Carreira. Entre os asistentes encontrábase a viuva de D. Orencio González, Dª. Chelo González, que asistíu emocionada á homenaxe rendida ao seu home, falecido hai 10 anos.
    As propostas feitas pola Asociación de Funcionarios ao longo de 9 anos, de perpetuar a memoria de D. Orencio González, colocando un busto de bronce na praza fronte ao edificio dos xulgados son hoxe, grazas ao esforzo de D. Xesús López Carreira , unha realidade.
    Don Orencio ten méritos abondo para ser lembrado como o xuíz que galeguizou a actividade xudicial. No tempo que exerceu a xudicatura, D. Orencio mostrou unha gran forza nos plantexamentos de defender que a xustiza tamén se pode impartir en galego en clara sintonía coa sentenza do Tribunal Constitucional do ano 1986 que recolle que o galego, o euskera e o catalán deben ser fomentados, por mor dos seus escasos recursos e vicisitudes históricas, consonte co principio de discriminación positiva, e dicir, apoiar ao débil mentres non acade un estatus de igualdade real. Unha das cousas nas que D. Orencio sempre insistía era que a pesar de ter utilizado sempre a lingua galega na súa actividade xurisdicional, nunca tivo que atender unha petición de indefensión por tal motivo. Iso é porque no noso País -dicía- os xustizables, no 99% entenden, falan ou coñecen o galego. Con esa premisa, D. Orencio puxo todo o seu empeño en remover os atrancos que dificultaban a plena igualdade dos dous idiomas, seguindo sempre o mandato legal. Por iso a Asociación de Funcionarios promoveu este acto e por iso hoxe D. Orencio ten un monumento e un libro, “Orencio Pérez González. A vocación galeguista dun xuíz” onde se recollen colaboracións de diversos xuristas nas que analizan a súa personalidade e se abordan temas relacionados co Dereito.

    Previous articlePresentacion campaña: En galego, agora e sempre.
    Next articleSeminario de Aciveiro

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here