Seminario de Aciveiro

    Seminario de Aciveiro IXUGA

    O 30 de novenbro de 2008 celebrouse no mosteiro de Aciveiro un seminario cos xefes das forzas e corpos de seguridade en Galicia, no que participaron unha vintena de mandos, directivos da Academia de Seguridade Pública da Xunta de Galicia, xuíces e fiscais. Debatéronse tódalas posibilidades existentes para estender o uso da lingua galega na actividade policial, así como arbitrar medios para garantirlle aos cidadáns e detidos os dereitos lingüísticos que o noso ordenamento xurídico establece.

    DECLARACIÓN DA IRMANDADE XURÍDICA GALEGA E DOS MANDOS DOS CORPOS E FORZAS DE SEGURIDADE DO ESTADO CELEBRADA NO MOSTEIRO DE ACIVEIRO

    Hoxe, día no que remata o mes de Santos deste ano 2008, os membros da Irmandade Xurídica Galega e da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia mantivemos un seminario de traballo no Mosteiro de Aciveiro, na Terra de Montes, cos mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para deliberar sobre o proceso de incorporación do uso da lingua galega no funcionamento dos órganos xurisdicionais e das forzas de policía. Asistiron á xuntanza o Fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela García, os responsables da 15 zona da Garda Civil, da Xefatura Superior de Policía de Galicia e da Unidade adscrita do C.N. Policía á Xunta de Galicia, asi como outros membros da xudicatura e da fiscalía. Na xuntanza en cuestión, sen perxuizo de recoñecer os notables avances rexistrados nos últimos anos en materia do uso do galego nos seus respectivos ámbitos de traballo así como da situación actual, considerase preciso seguir avanzando nesta liña, deliberándose sobre unha serie de medidas conducentes á mellora desta situación. No seminario debatéronse os temas seguintes: 1º.- A principal finalidade das Administracións Públicas é garantir o efectivo cumprimento do ordenamento xurídico. A Constitución, o Estatuto de Autonomía e outras disposicións normativas establecen a cooficialidade da lingua galega. 2º.- Cómpre seguir avanzando na capacitación lingüística do persoal dos organismos representados, tanto desde un eido xeralista coma no eido específico da linguaxe xurídica-administrativa e na formación sobre dereitos lingüísticos. Logo, co gallo de incrementar a calidade do servizo prestado en galego, a aportación formativa da ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA debe ser decisiva. 3º.- Na mesma dirección, os asistentes á xuntanza considerarían necesario actuacións tendentes a que as aplicacións centralizadas dos referidos organismos, conten con versión en galego que posibiliten a produción de material escrito nesta lingua. 4º.- Consideramos que os distintos servizos de atención ao público das administracións xudicial e policial teñen unha especial importancia na definitiva normalización da lingua galega, motivo polo que se deberían artellar as medidas organizativas precisas para garantir en todo momento a presenza nos mesmos de persoal dabondo capacitado, sendo dito aspecto especialmente valorado nos plans de calidade ou avaliación dos servizos. 5º.- Considerase tamén o papel relevante que teñen, pola súa relación directa coa prensa, os gabinetes de comunicación das institucións xudiciais e de seguridade polo que consideramos de especial relevancia promover o emprego do galego nas intervencións públicas e comunicados de prensa con motivo das actividades e servizos que desenvolven, sen prexuizo de que tamén se fagan en castelán. Neste eido, veriase imprescindible a implicación e colaboración dos medios de comunicación social. 6º.- Vista a boa disposición dos asistentes no impulso da lingua propia de Galicia, os xuices e maxistrados presentes na xuntanza propoñen levar a término unha serie de experiencias piloto en distintos órganos xudiciais galegos nas que as relacións mutuas entre xulgados e policía se desenvolvan tamén en galego. Como conclusión final os participantes no seminario de Aciveiro suxiren ás administracións públicas o artellamento de ferramentas necesarias para a correcta promoción, difusión e uso do idioma galego.

    Previous articleHomenaxe a Orencio Gonzalez
    Next articleDeclaración de Foz

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here