La Voz de Galicia – A Declaración de Cortegada reivindica os valores da identidade galega

A Irmandade Xurídica Galega tiña homenaxeado a Fermín Bouza Brey (Ponteareas, 1901 – Santiago de Compostela, 1973) en varias ocasións: cun monumento fronte aos Xulgados de Pontevedra e con placas na casa que habitou na Estrada e nos xulgados do seu pobo. Este mércores cumpríronse os 120 anos do seu nacemento e a Irmandade Xurídica Galega quixo lembrar a data coa colocación dunha placa conmemorativa no cemiterio onde está soterrado e cun acto institucional no que se fixo pública a Declaración de Cortegada.

Dende a IXG lembrouse que Fermín Bouza Brey escribiu en 1931 un artigo, nun medio de comunicación galego, titulado La Administración de Justicia y el bilingüismo «no que denunciaba a imposibilidade de utilizar a lingua galega nos procedementos procesais». Unha circunstancia que o converteu nun pioneiro e nun precursor na reivindicación do emprego do galego nos usos xudiciais. Circunstancia que tardou en ser realidade, xa que a primeira sentenza en galego ditouse en A Coruña no ano 1985.

Na data do seu 120 aniversario instalouse na porta de entrada ao cemiterio de Cortegada unha placa coa lenda «Na honra de Fermín Bouza Brey (1901-1973) xurista, etnógrafo e poeta, que recolleu na súa inmensa obra a memoria antropolóxica de Galicia e que repousa neste cemiterio a perpetuidade. No 120 aniversario do seu nacemento e centenario da Xeración Nós á que pertenceu. Na memoria tamén de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu. Decembro de 2021». A placa que quedou instalada no cemiterio inclúe os logotipos das entidades que promoveron e apoiaron a iniciativa: Irmandade Xurídica Galega, Concello de Cortegada, Deputación de Ourense, Xunta e Parlamento.

Na xornada de homenaxe tamén se deu a coñecer a chamada Declaración de Cortegada, que como sinalou Xosé González Martínez —IXG— é un documento que recolle os valores inspirados no Estatuto de Autonomía de Galicia e da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. No encontro celebrado no Concello reivindicouse a figura de Fermín Bouza Brey como un «abandeirado das ideas que aparecen recollidas no Estatuto e nesa disposición xurídica».

Previous articleLa Región – Xuristas e concellos, xuntos na defensa do uso do galego
Next articleEl Correo Gallego – En Cortegada