Declaración de Foz

    Declaración de Foz

    Máis de 30 profesionais do dereito, xuices e xuizas, fiscais, avogados, persoal administrativo de xulgados, de xestorias, etc… amosan publicamente o seu compromiso individual e colectivo de utilización da lingua galega no seu eido profesional.
    No acto celebrado na Casa da Cultura do Concello de Foz o día 19 de abril de 2009 de nomeamento de D. Xoán Barreiro Prado como fillo predilecto do concello, a Irmandade Xurídica Galega aproveitou a ocasión para facer pública da Declaración de Foz. Neste documento, feito público pola xuíz da Fonsagrada, D. Luís Villares Naveira, máis de 30 profesionais do dereito, xuices e xuizas, fiscais, avogados, persoal administrativo de xulgados, de xestorias, etc… amosan publicamente o seu compromiso individual e colectivo de utilización da lingua galega no seu eido profesional.
    Este acto encádrase na actividade que a Irmandade Xurídica Galega (IXUGA) -rama xurídica da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia- vén desenvolvendo desde a súa creación en xuño de 2008.
    A Declaración de Aciveiro e a Declaración de Foz son as primeiras dunha serie de actos de compromiso públicos que a Irmandade Xurídica Galega pretende levar a cabo para dar a coñecer á sociedade que a lingua galega pode ser utilizada, con normalidade, no ámbito da administración de xustiza.

    TEXTO DA DECLARACIÓN DE FOZ

    A lingua galega nace para o noso país como un sistema para entendermos e interpretarmos a realidade que nos rodea, o mundo no que nos tocou vivir. Como ferramenta de comunicación foi dende antigo vehículo de expresión non só de sentimentos e de ideas senón dos asuntos públicos, da Administración, como demostra o feito de que o máis antigo documento escrito en galego que se conserva en Galicia sexa precisamente un de natureza xurídica, o Foro do Burgo do Castro Caldelas dado en 1228 polo rei Alfonso IX. Durante séculos a nosa lingua serviu con normalidade aos intereses da súa poboación na fala e na escrita, ata que un paseniño pero imparable proceso de substitución pola castelá deixouna excluída da vida pública durante unha longa noite de pedra que durou case cincocentos anos.

    O proceso de recuperación do galego na era contemporánea concíbese como a necesaria expresión pública da normalidade democrática que pretendemos construír no día a día nos nosos postos de traballo. O pobo galego a través dos tempos legounos un patrimonio que non é un obxecto de museo senón a nosa viva expresión individual e colectiva de pertencer ao mundo e revélase decote útil para a nosa actividade persoal e profesional.

    A nosa sociedade fala a súa lingua con normalidade, e un estado, en calquera das súas manifestacións e dos seus poderes, para se chamar democrático, debe ser reflexo da base social que o sustenta. Aínda que hoxe a igualdade e a cooficialidade das linguas é unha realidade sobre o papel, o certo é que unha funesta inercia histórica que no seu día expulsou o galego como vehículo de expresión habitual na Administración de Xustiza segue impedindo que a nosa lingua acceda con normalidade a todos os espazos da súa vida pública, e así queda marxinada e discriminada sen que se poñan os medios precisos para remover esta situación.

    Aproveitando a senlleira ocasión de homenaxear ao Maxistrado que máis resolucións ten ditado en galego na historia da nosa lingua, José Juan Barreiro Prado, exemplo de dedicación e amor á nosa lingua, rigor profesional e intelectual e altura humanística, as e os que subscribimos esta Declaración, xentes que mantemos unha relación profesional habitual coa Administración de Xustiza ou traballamos no seu seo, queremos amosar publicamente o noso compromiso individual e colectivo, referendado neste Acto, coa remoción dos obstáculos e prexuízos que impiden que a nosa lingua sexa empregada con normalidade nos Xulgados e Tribunais de Galicia. Deste xeito:
    Comprometémonos a crear un ambiente de favorable acollida da nosa lingua nos despachos profesionais, nas oficinas xudiciais e nas salas de vistas, explicándolle á xente que pode desenvolverse e actuar en galego sen medo a verse reprendido e animándoos a se expresar na lingua na que o fagan habitualmente;
    Comprometémonos a tomar a iniciativa falando na nosa lingua nas relacións persoais cos cidadáns e cidadás que demandan os nosos servizos e acoden a nós;
    Comprometémonos a impulsar o emprego do galego nos nosos escritos, documentos ou resolucións, sobre todo aqueles que son de acceso á cidadanía, para transmitir a sensación de normalidade da lingua na Administración de Xustiza e no mundo do Dereito;
    Comprometémonos, en fin, coa nobre tarefa de desterrar, dende agora e para sempre, os prexuízos que poidan quedar contra o galego na Xustiza, fomentando a concordia e a normalidade do seu uso, abríndolle de novo as portas á súa expresión oral e escrita en toda a súa extensión.

    E faremos todo isto do único xeito que sabemos, con alegría, amabilidade, ilusión e un sorriso nos beizos.

    Jesús Álvarez, tenente do fiscal xefe da Audiencia Provincial de Lugo e Fiscal Xefe da AP en funcións.
    José Antonio López Graña, Decano do ICA de Lugo.
    Ángeles Braña López, Xuíza de 1ª instancia e Instrución do Xulgado nº 1 de Viveiro.
    Ana Rosa Pérez Quintana, Maxistrada do Xulgado do Penal nº 1 de Lugo.
    Eladio Prieto Bellas, Xuíz en prácticas do X. I nº 3 de Lugo.
    Fernando Vázquez Orge, Secretario do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo.
    Ángeles López Carballo, Secretaria do Xulgado de instrución nº 3 de Lugo.
    Mª Luisa Prieto Velasco, Médica forense do IMELGA de Lugo.
    Xosé Manuel Fernandez Varela
    Alberte Xullo Rodriguez Feixoo
    Manuel Silva Garcia
    Sandra Sabina Regueira Gay
    Sabela Lage Diaz
    Noelia Barreiro Sanchez
    Do despacho Foro Avogados, de Lugo.
    Alejandro Ferreiro Medina, avogado en A & F Abogados (Ribadeo).
    Araceli González Vila, avogada en Piroscia, Souto & Asociados, en Lugo.
    Estrela Villaverde Creo, Avogada especialista en Dereito Fiscal, en Costas Asesores, en Lugo.
    Xosé Manuel Fernández Montes, Avogado especialista en Dereito de Seguros, en Lugo.
    Elva Campo Rodríguez, Avogada especialista en Dereito Tributario en Lugo e do Despacho Xelda Eido Rural en Fonsagrada.
    Carlos Bello Stout, asesor xurídico do sector da enerxía.
    Xacobe Vázquez Rodríguez, do Despacho Vázquez e Espinosa, de Lugo.
    Soledad Sierra Villaverde, procuradora na Fonsagrada.
    Todo o persoal do Xulgado de Fonsagrada (primeiro destino de Barreiro).
    Carmen Dosuna Nieto, Secretaria do Xulgado de Fonsagrada.
    Concepción Couso Arias, funcionaria xudicial na Fonsagrada.
    María Xosé Besteiro Ares, funcionaria xudicial na Fonsagrada.
    María Luísa Fernández Camiñas, funcionaria xudicial na Fonsagrada.
    Antonio López Valledor, funcionario xudicial na Fonsagrada.
    E polo Concello da Fonsagrada:
    María García Ferro, Secretaria do Concello da Fonsagrada.
    Manuel Rodríguez Mourelos, Decano dos Procuradores de Lugo.
    Xesús Mª González Domínguez, secretario do xulgado de paz de Vilanova de Arousa.
    Santiago Lojo Corbal, xuíz de primeira instancia e instrución nº 1 de Mondoñedo.
    Foz, 19 de abril de 2009.

    Previous articleSeminario de Aciveiro
    Next articleImposición de medallas aos novos membros da Irmandade Xurídica Galega

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here