Imposición de medallas aos novos membros da Irmandade Xurídica Galega

    Ás 12.30 horas do día 20 de xuño de 2009 iniciouse, co compás das notas musicais dun cuarteto de música clásica, o acto de imposición de medallas aos novos membros da Irmandade Xurídica Galega.
    Cun salón ateigado de xente, abríu o acto un cortexo procesional composto polos membros togados que conformaron a presidencia do acto, don Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; don Benito Montero Prego, Fiscal da Audiencia Provincial; don Xosé Xoán Barreiro Prado, Presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra e don Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Irmandade Xurídica Galega.
    Asinaron o documento de compromiso coa Irmandade Xurídica Galega, don Vicente García Legísima, avogado do Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra; don Xoán Manuel Alfaya Ocampo, maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra; don Alejandro Couselo Barrio, maxistrado do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Cangas; don Xosé Antón Gómez Segade, catedrático da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela; dona Ana López-Suevos Fraguela, maxistrada do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Santiago de Compostela; dona Elva Campo Rodríguez, avogada do Ilustre Colexio de Avogados de Lugo; don Jesús Estarque Moreno, avogado do Ilustre Colexio de Avogados de Pontevedra; don Luciano Varela Castro, maxistrado do Tribunal Supremo; dona María Xosé Besteiro Ares, funcionaria do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da Fonsagrada; don Xaquín Charlín González, funcionario do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución núm. 1 de Cambados; dona María Luísa Fernández Camiñas, funcionaria do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da Fonsagrada; don Xesús María González Domínguez, secretario do Xulgado de Paz de Vilanova de Arousa; don Antonio López Valledor, funcionario do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución da Fonsagrada; dona Mercedes Sampayo Fernández, funcionaria do corpo de auxilio xudicial da Audiencia Provincial de Pontevedra.
    Todos eles responderon á fórmula establecida no protocolo de ingreso na Irmandade Xurídica Galega, comprometéndose a realizar a súa actividade profesional en lingua galega e fomentar o seu uso, deixando constancia desa vontade coa súa sinatura nun documento.
    No mesmo acto homenaxeouse a don Victorino Gutierrez Aller, pola súa entrega á causa galeguista no ámbito notarial, entregándolle a medalla de ouro da Irmandade, facendo a louva do mesmo, don Benito Montero Prego, quen se dirixíu ao público cunhas fermosas palabras cheas de contido e amizade.
    O acto xirou en torno á sobranceira figura de don Daniel García Ramos, maxistrado que foi do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e rexo defensor da nosa lingua no eido xudicial. Para a ocasión a Irmandade Xurídica, coa colaboración económica da Dirección Xeral de Xustiza, editou un libro sobre a súa figura e obra no que participan varios xuristas, entre eles, cabe destacar, a aportación de don Cándido Conde Pumpido, amigo persoal de don Daniel García Ramos. Tamén reeditouse un documental sobre García Ramos que foi entregado a tódolos presentes. Estivo presente no acto a súa viúva, dona María Jesús Seijo a quen se lle distinguíu cunhas flores e co cariño propio que espertaba don Daniel García Ramos. Don Xosé Xoán Barreiro Prado, fixo a louva de Daniel, poñendo en antecedentes a tódolos presentes da súa figura e do seu talante rexo e defensor da nosa lingua e cultura.
    Ao acto asistiron numerosas personalidades entre as que podemos destacar ó Director Xeral de Xustiza, don Juan José Martín Álvarez; o Secretario da R.A.G. don Manuel González; don Ramón Lourenzo, catedrático de lingua galega na U.S.C.; don Manuel García Mañá, Xefe Superior de Xustiza de Galicia; don José Portomeñe, Subdelegado do goberno en Lugo; don Camilo Ocampo, Subdelegado do goberno en Ourense, etc…
    Pechou o acto D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia.
    Rematouse o acto cun xantar de confraternidade no Pazo de Lestrobe en Padrón.

    Previous articleDeclaración de Foz
    Next articleSinatura convenios Pazo da Toxeiriña

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here