CORTEGADA, NAO SENLLEIRA

    Os actos convocados pola Irmandade Xurídica Galega o día 29 de decembro de 2021 para celebrar o 120 aniversario do nacemento de D. Fermín Bouza Brey na vila de Cortegada contaron coa presenza de numeroso público e representación de entidades culturais que encheron o salón de actos do concello asi como a adhesión de trinta rexedores municipais á Declaración de Cortegada formalizando o compromiso de fomentar o uso do galego como lingua xurídica nas actuacións xurisdicionais das administracións públicas que representan.

    Ás 12:00 horas descubríuse no cemiterio de Cortegada onde está soterrado Fermín Bouza Brey, unha placa na súa lembranza.

    O Presidente da Irmandade Xurídica Galega nun breve parlamento, aludíu ao papel fundamental que tivo Fermín Bouza Brey na descuberta dunha Galicia que empezaba a emerxer do silencio a comezo dos anos vinte cando se fundou o Seminario de Etsudos Galegos, pero tamén salientou a súa cualificadísima pertenza á carreira xudicial.

    Xosé Bouza Álvarez, fillo do homenaxeado, lembrou a figura do seu pai e as múltiples facetas que tivo como polígrafo, etnógrafo e poeta que recolleu nunha inmensa obra.

    No salón de actos da Casa do Concello desenvolveuse o acto académico presidido polo Alcalde do concello, D. Avelino Luís de Francisco; o Presidente do Parlamento de Galicia, D. Miguel Angel Santalices; Dna. Consuelo Castro Rei, Avogada Xeral do Estado, que pronunciou un lúcido discurso salientando a polifacética obra de Fermín Bouza Brey e facendo fincapé na importancia que teñen os concellos na normalización da lingua nos usos xurídicos. D. Xoaquín Monteagudo, Presidente da IXUGA  fixo referencia ás convocatorias realizadas nos últimos anos para instar aos concellos a desenvolveren políticas lingüísticas e culturais de protección da identidade e do patrimonio galegos. Dna. Celia Pereira, Presidenta da Fundación Vicente Risco e integrante da IXUGA, afondou no discurso da galeguidade facendo referencia á importancia da integración neste proceso de todos os axentes sociais e institucionais. D. César Fernández, Vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense manifestou a súa gratitude á IXUGA por ter elixido a Bouza Brey para convocar un acto máis de pedagoxía galeguizadora. D.Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, tivo acaídas palabras para salientar os valores intelectuais, éticos e profesionais de quen foi sen dúbida un dos intelectuais máis sobranceiros do século XX. O Alcalde de Cortegada,  manifestou a  gratitude do pobo de Cortegada ao fundador da Escola neotrobadoresca galega e á familia Álvarez, pola pegada que deixaron na historia da Vila.

    Previous articleReconstruindo a memoria lingüística tamén en Lalín.
    Next articleALMANAQUE AGRÍCOLA ZZ. 70 anos de lealdade lingüística