LUGO, EXEMPLO DE GALEGUIZACIÓN XURÍDICA

    Tecer redes para a normalización do galego na sociedade é algo fundamental para promover unha visibilización da nosa lingua en todos os ámbitos da vida, tamén no xurídico. Con esta finalidade a Irmandade Xurídica Galega levou a cabo na cidade de Lugo, xunto coa Deputación Provincial, o concello da cidade, a Audiencia Provincial e a Xunta de Galicia, un acto de homenaxe a aqueles operadores xurídicos que co seu traballo dinamizan o proceso de normalización lingüística no eido xurídico. 

    D. Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Irmandade Xurídica Galega fixo un relatorio das actividades que se desenvolveron ao longo dos anos na cidade de Lugo e alentou a seguir promovendo a utilización do galego nos procedementos xurídicos. 

    O Xefe Territorial da Consellería de Presidencia, D. Gerardo Criado, recordou na súa intervención a aquelas persoas que fixeron posible a normalización da lingua galega nos usos xurídicos.

    O Presidente da Audiencia Provincial, D. Edgar Fernández Cloos, na súa intervención comprometeuse a asinar un protocolo que supoña unha exhortación aos xuices para que no suposto de que se fagan peticións expresas de que os pronunciamentos xudiciais se fagan en galego se leven a cabo. 

    O Reitor da USC, D. Antonio López recordou a figura de Porteiro Garea cando dicía a principios do século pasado que nos xulgados se cometían varias inxustizas respecto do uso da lingua galega, a primeira que non se permitía falar en galego nos xulgados e a segunda que aqueles que impartían a xustiza non falaban a lingua do pobo. 

    Dª. Lara Méndez, alcaldesa de Lugo recordou o fito histórico da primeira sentenza en lingua galega ditada polo TSXG hai 37 anos despois de varios séculos de proscripción pois é un tributo público as persoas que diginificaron o galego no ámbito xurídico. 

    O Presidente da Deputación Provincial D. José Tomé Roca, na súa intervención recordou os feitos e as persoas que con valentía son capaces de levalos a cabo porque eses son imprescindibles para que as cousas muden. 

    Posteriormente na Praza de Avilés, preto dos xulgados, descubríuse un monolito de pedra cunha placa de bronce conmemorativa do 37º aniversario da primeira sentenza en lingua galega e en homenaxe aos maxistrados e maxistradas, fiscais, letrados e operadores xurídicos que secundaron a galeguización xudicial asi como aos funcionarios e asesoría xurídica da Deputación Provincial que a cotío normalizan o galego nos usos xurídicos. 

    Previous articleA LINGUA GALEGA SINAL DE SEGURIDADE
    Next articleA LINGUA DA PUBLICIDADE