Galicia Digital – A Ciencia en galego

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Unha lingua para poder pervivir no tempo precisa estar presente en moitos ámbitos que lles faciliten esas posibilidades. A ciencia é un deles.Foron moitas as voces que lles negaron ás linguas a idoneidade para escribírense nelas tratados de física cuántica. O expresidente Adolfo Suárez foi un deles, provocando tales declaracións un rebumbio. Outras voces fixéronlle o coro. Foron tempos nos que os prexuízos lingüísticos tiñan fondas raíces que houbo que ir erradicando.

A ciencia e a lingua galega non sempre foron da man. Tivo que ser Antón Beiras, oftalmólogo de gran prestixio co seu invento para corrixir patoloxías do ollo, o que manifestara por primeira vez no seu “Ensaio para mellorar os resultados terapúticos no estrabismo” que o noso idioma era un vehículo axeitado para tales fins. El mesmo escribía en galego as súas intervencións para seminarios e congresos nacionais e internacionais que logo se verquían a outros idiomas. Antón Beiras fórmarase no ambiente académico favorable a tal mudanza de criterios na Universidade de Santiago en tempos do reitor Rodriguez Cadarso. Naquel curto período da segunda república española un número de cualificados profesores participaron no desexado achegamento. Entre eles estaban, Ramón Obella Vidal e Isidro Parga Pondal. Ambos os dous coincidiron nos Laboratorios Zeltia, que xa no ano 1952 facían divulgación científica na nosa lingua a través dos “Almanaque Agrícola ZZ”. As súas ensinanzas demostraron que non hai lindes para expresar coñecementos científicos na nosa lingua. E o máis importante: os clientes dos produtos elaborados entendían perfectamente as indicacións científicas.

O Foro E. Peinador quere recuperar aqueles fíos históricos e relanzar os seus exemplos a través do discurso da galeguidade empresarial. Así quedou patente no convenio de colaboración asinado hai unhas semanas por Bioga, Secretaría Xeral de Política Lingística e o Foro E. Peinador nun acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca presidido polo Reitor da Universidade de Santiago coa presenza dun número de empresarios cualificados e representantes institucionais.

As setenta e dúas empresas agrupadas na Asociación Tecnolóxica Empresarial Ciencias da Vida (Bioga) facturan 400 millóns de euros. O aumento da facturación, asi como a creación de postos de traballo mostran a importancia deste sector, sendo a terceira comunidade que máis empresas creou. As industrias que nutren a asociación teñen moitas liñas de investigación abertas. É de salientar que a súa participación na carreira para a elaboración da vacina e tratamento para o Covid-19 colocou a Galicia no mapa da investigación científica.

A presidenta de Bioga, Carme Pampin, que é directora da súa propia empresa galeguizada, GalChimia, asinou o convenio para abrir un proceso de normalización lingüística nas restantes industrias desta asociación. O Secretario Xeral de Política Lingüística avogou pola colaboración institucional cun sector de relevancia estratéxica para establecer alianzas entre a ciencia a lingua galega.

Coa sinatura deste acordo prodúcese un novo avance na asunción da responabilidade social corporativa como unha filosofía empresarial para que se identifiquen cos valores parimoniais do territorio no que están asentadas, empeño do Foro E. Peinador.

Paralelamente cómpre seguir realizando programas formativos nas facultades de químícas, farmacia e medicina e algunhas máis, estimulando ao alumnado a ter maior sensibilidade coa lingua galega e a súa normalización en todos os usos. Esta será a maneira máis eficaz para contarmos con profesionais que sintonicen co proxecto galeguizador. Os ordenamentos xurídicos internos e europeos ampárannos. O que precisamos é vontade institucional.

Previous articleFaro de Vigo – Un empresario galeguista de acción e pensamento
Next articleLa Voz de Galicia – O Foro Peinador insta a fomentar o consumo de produtos que usen o galego