A restauración da memoría xurídica galega é un os dos obxectivos da Irmandade Xurídica Galega. Xosé Luís Franco Grande, que ao tempo que xurista foi lexicógrafo, ensaísta e poeta, forma parte da longa nómina de personalidades da cultura galega que tiveron unha visión e exercicio de galeguismo consecuente e constante na súa vida.
Desde a IXUGA promoveuse que o Concello de Tomiño o nomease Fillo Predilecto hai anos. Naquel acto institucional, Franco Grande, foi arroupado por centos de persoas que aplaudiron esa merecida homenaxe. Máis tarde no entorno dunha Asemblea Xeral da Irmandade Xurídica Galega na Coruña, fixoselle entrega da insignia de ouro da IXUGA que o vencellou para sempre á angueira da normalización lingüística nos usos xurídicos e xudiciais. Pouco despois, en colaboración co concello de Redondela, perpetuouse a súa memoria coa Pedra das Palabras que sigue chantada nos xardíns fronte ao edificio do multiusos do concello.
O día 31 de marzo de 2022 fixo dous anos que Franco Grande nos deixou e quixemos facerlle unha última homenaxe que se celebrou onte, día 1 de abril na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo. As cinco da tarde e cun Salón de Graos ateigado de persoas que quixeron render un recordo a súa figura, escoitáronse intervencións acaidas do Reitor da Universidade de Vigo, D. Manuel Joaquín Reigosa Roger; D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística; D. Francisco Torres Pérez, Decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo; D. Xosé M. Pacho Blanco, Vicedecano de Dereito e coordinador de normalización lingüística; do Presidente da Irmandade Xurídica Galega D. Xoaquín Monteagudo Romero; da avogada membro da IXUGA, Dna. Ana Mosquera e da filla do homenaxeado, Dna. Rosalía Franco.
Ao seguir descubríuse unha placa de bronce que quedará para sempre na entrada da facultade e servirá para que alumnos e alumnas de Dereito sepan que houbo e hai persoas como Franco Grande que co seu traballo, en galego, tecen un futuro para a nosa lingua.