IX Asemblea ISAGA

    Ciencia, humanismo e galeguismo seguen a ser os tres elementos que definen a filosofía da Irmandade da Sanidade Galega, un colectivo que traballa para crear unha rede de defensa da lingua galega no ámbito sanitarioen Galicia porque  somente dese xeito se normalizará o seu uso. O persoeiro homenaxeado nesta asemblea foi o doutor García-Sabell por ser un exemplo de coherencia e defensa da lingua no ámbito da medicina galega.

    Os actos comezaron coa descuberta dun monumento de bronce, obra do escultor José Molares, na rúa doutor García Sabell, que comunica Galeras con Carretas en Compostela. A presenza de numeroso público e a de dous ex-reitores da USC,  Dario Villanueva e Carlos Pajares que acompañaron ao actual reitor, Antonio López;  o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o  Alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o presidente da AFNLG, Xoaquín Monteagudo Romero; as fillas do homenaxeado coa súa familia de o presidente do Foro Enrique Peinador, D. Xosé González Martínez.

    A seguir, no Salón Nobre do Pazo de Fonseca celebrouse o acto académico  onde 25 novos irmandiños e irmandiñas entraron a formar parte da mesma. O presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística deulles a benvida e  expresou a súa satisfacción porque co seu ingreso se garantizan  os obxectivos de galeguizar a sanidade.

    O doutor Pablo Vaamonde, laiouse de que os estudos universitarios na área das ciencias da saúde se impartan exclusivamente en castelán e alentou a todos os presentes, entre os que se encontraban estudantes de medicina a seguir utilizando a lingua galega. Pola súa banda, a doutora Flora Miranda, amosou o seu optimismo cara ao futuro  porque cada vez máis un número maior de profesionais utilizan o noso idioma nas consultas médicas. De igual modo aproveitou a presenza na sala de representantes da Escola Aberta de Medicina para facerlle ver que son a esperanza na que todos traballamos.

    A arte de curar coa palabra - IX Asemblea da Irmandade da Sanidade Galega

    Deu lectura á acta da Irmandade Dª. Marisé Fernández, membro da ISAGA e traballadora social no hospital universitario de Lugo e a continuación os novos irmandiños e irmandiñas asinaron o compromiso de uso da lingua galega no eido profesional. En nome de todos eles falaron D. Juan Manuel Casares Gándara e Dª. María Lago Lestón.

    Dª. Teresa García-Sabell, filla do homenaxeado fixo un percurso pola biografía do seu pai sinalando fitos trasncendentais para a galeguización científica.

    O Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez congratulouse da capacidade de mobilización que ten a Irmandade da Sanidade Galega para manter enceso o espírito do galeguismo lingüsístico nos centros de saúde e hospitalarios.

    D. Xosé Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago, salientou a importancia do acto evocando aquel outro celebrado en 1985 no que o Concello de Santiago da man da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística lograron convocar a cento oitenta rexedores municipais para asinaren a “Declaración de Alcaldes a prol da normalización lingüística de Galicia” un fito que foi decisivo  na galeguización da administración local galega.

    O Reitor da USC, D. Antonio López Díaz, agradeceu á Irmandade que se acordase da Universidade para celebrar en Fonseca un acto singular na estratexia de levar o idioma galego aos profesionais da sanidade.

    Lucía Pérez, a primeira cantante galega que representou a España no Festival de Eurovisión, amenizou o acto coa interpretación de varias cantigas de rexistro popular.

    Previous articleHomenaxe a Xosé Velo Mosquera
    Next articleCATRO SÉCULOS DESPOIS