Xosé Velo Mosquera centrou a xornada celebrada na vila de Celanova convocada pola Fundación Lois Peña Novo, o Concello de Celenova, a Fundación Curros Enríquez, a Deputación de Ourense e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O acto celebrado no parque das Trigueirizas, lugar no que quedou emprazado o busto de Pepe Velo, estivo concorrido con xente mesmo procedente de distintos puntos xeográficos de Galicia que acudiron movidos polo engado da figura homenaxeada. Antonio Puga, alcalde do Concello, no seu discurso fixo alusión ao papel desenvolvido polo homenaxeado no tempo que vivíu no pobo, cando era mozo, e a todas as vicisitudes posteriores ata o seu pasamento en Sâo Paulo en 1972. Antón Piñeiro, leu unhas pasaxes do libro inédito de Pepe Velo “Viva Hespaña, morra España” nas que relata os tempos de oprobio que lle tocou vivir despois da sublevación militar de 1936, cheo de estreiteces económicas e encadeamento. O presidente da Fundación Peña Novo, entidade que promoveu a homenaxe, Xosé González, agradeceu ás institucións que colaboraron nela o entusiasmo e apoios prestados. A maiores, fixo fincapé das características humanas de Pepe Velo apenas coñecidas mesmo polos veciños de Celanova. Salientou o seu valor ético e revolucionario nun tempo no que tivo que transistar polo gume da navalla para levar a bo porto iniciativas que conseguiron acadar proxección internacional. O Vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, fixo unha acendida defensa da humanidade e idealismo do cidadán Xosé Velo, protagonista da máis grande epopeia histórica que un galego puido facer para chamar a atención da opinión pública mundial sobre as ditaduras franquista e salazarista. Valentín García, Secretario xeral de política lingüística, sumouse á homenaxe centrándose no labor realizado por Pepe Velo nas sociedades culturais de Venezuela e o relevante papel que tivo na celebración do Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Buenos Aires no ano 1956.