Celebramos na vila de Celanova o 25 aniversario da primeira sentenza ditada en lingua galega polo Xulgado de 1ª Instancia e Instrución do Partido Xudicial. Un feito anecdótico, pero moi significativo na historiografía da lingua galega. Despois de catro séculos do cambio idiomático na administración de xustiza -deica entón as actividades xurídicas, segundo podemos observar no arquivo documental do Tombo de Celanova- realizábanse en galego medieval. Recuperar o fío perdido por mor da imposición do castelán e, xa que logo, proscrición do galego nas instancias xudiciais, foi un feito que temos que calificar de histórico, por canto quedou constancia de que o proceso xudicial instruído que deu pé a esa sentenza dignificou a nosa lingua, e foi, ademais, un chamamento aos profesionais da avogacia para que retomasen o uso da lingua galega nas instancias xurídicas e xudiciais.
Para deixar constancia desa celebración descubríuse unha placa na sede xudicial que recorde ese feito histórico.
Despois, no claustro do mosteiro de Celanova, desenvolveuse un acto no que participaron máis de trinta representantes dos concellos ourensáns que asinaron unha declaración de compromiso coa lingua galega. Tres son os obxectivos que os rexedores municipais van poñer en práctica: 1.- instar aos seus asesores xurídicos para que na defensa dos intereses municipais perante os órganos xurisdicionais redacten os seus escritos en galego; 2.- que nas demandas fagan constar o dereito a recibiren as notificacións e sentenzas en galego segundo o artigo 7.2 da Lei de Normalización Lingüística e 3.- demandar dos rexistros e notarias que os instrumentos xurídicos tramitados nesas oficinas sexan redactados en lingua galega.
O acto estivo presidido polo alcalde do concello, o secretario xeral de Política Lingüística, o presidente da Irmandade Xurídica Galega e varios representantes da Irmandade.
O acto estivo amenizado musicalmente por María do Ceo e José e Alex Salgado.