O noso, na nosa fala

    O noso, na nosa fala

    Ata o menos entendido en economía e fluxos demográficos sabe, porque os máis deles foron protagonistas da desvertebración do territorio, que as grandes concentracións humanas en cidades e vilas, que baleiraron as aldeas e concellos do interior, producíronse por mor da falta de políticas económicas que fixesen viables as explotacións agrícolas.

    Mais o paradóxico desta consciencia é que os que desde as cidades non cansan, e con razón, de falar do abandono do agro polos poderes públicos, eles, contribúen inconscientemente a agravar a situación, deixando ao pairo aos seus parentes e veciños que aínda quedan na aldea malvivindo. Por que? Moi sinxelo. Porque na cidade os hábitos de consumo están fomentados polas grandes superficies de distribución alimentaria, ofrecéndose nelas produtos que proveñen doutras latitudes xeográficas. Por iso non se entende que os veciños do Ribeiro, da Ribeira Sacra ou de calquera entidade territorial con denominación de oríxe que produce viño, en Vigo, na Coruña… prefiran beber viño Rioja, por consideralo mellor ca os nosos.Non saben eles que o están a consumir forzados por grandes campañas publicitarias facéndolles ver que os seus viños son os mellores. Caíndo nesa engañifa fan inviables as nosas explotacións agroalimentarias agravando a precariedade desas adegas ou industrias transformadoras.

    Galicia ten (e iso recoñéceselle únicamente aos produtos que veñen do mar), moita riqueza. O sector leiteiros foi importantísimos, ata que se introduciron nos supermecados envases con leite que vén de fóra. E así ocorre con outros moitos produtos que non atopan nas canles de comercialización saída para as súas elaboracións.

    Estamos a falar dunha crise estrutural de índole económica, que ten tamén as súas consecuencias na marxinación da nosa cultura e lingua.

    Dun tempo a esta parte o Foro E. Peinador e a Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros, ten lanzado campañas para animar ás nosas empresas de transformación a etiquetaren os seus produtos na nosa lingua. Pero chamando tamén á responsabilidade dos consumidores para que amosen as súas preferenzas por estes produtos de noso que falan no noso idioma.

    2.700.000 galegos, consumidores,xa que logo teñen a palabra.Ou sermos máis nós, ou entregarnos ao mercado estranxeiro que predica nun idioma distinto do noso.

    Previous articleEU DECLARO EN GALEGO. POR DEREITO!
    Next articleMil festas máis para a lingua galega 2019