A empresa ourensá Rodríguez López Auto foi recoñecida polo seu labor co idioma, introducindo o galego no mundo empresarial e mostrando que é posible desenvolver a súa actividade nesta lingua. Onte concedéuselle a distinción da Investidura de Galeguidade Empresarial, na que se descubriu unha placa conmemorativa. O acto serviu como homenaxe ao fundador dunha das compañías “máis punteiras” na fabricación de vehículos especiais, José Rodríguez López.
O acto estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que lembrou ao seu “amigo” José Rodríguez. “Pepe montou a dinámica desta empresa que conta con 170 traballadores, é un orgullo para Ourense e leva o nome de Galicia por todas partes”, destacou. O presidente indicou que este acto era para aquelas persoas que “queren e apostan pola nosa lingua dun xeito cordial”.
Rodríguez López Auto conta xa cunha web en galego, como símbolo dunha adaptación á lingua que pasará por manuais, catálogos, contratos laborais, atención aos clientes nela, ou cartelería mutilingüe nas intalacións das que disporán no 2021, segundo explicou o seu director, Enrique Rodríguez. “Pepe amosouse encantado de que a súa empresa formase parte desta realidade que él tanto defendía, coa nosa identidade”, afirmou Santalices.
Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador, destacou o labor da empresa ourensá: “É un exemplo de que se pode facer negocio e economía no idioma do país”. Por outra banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordou a José Rodríguez López e a galeguidade empresarial dunha “empresa moderna e avanzada”, que se sumou á defensa do galego: “É símbolo do compromiso coa nosa identidade”, sinalou.