Da Lingua ao Prato

    Coa lingua falamos, cantamos, soñamos, amamos e tamén degustamos os produtos que a terra nos ofrece, por iso etiquetalos en galego é dárlle un plus de identidade creando a marca Galicia. O consumidor consciente ten o poder nas súas mans, escoller produtos de noso etiquetados na nosa lingua, é valorizar o rural apoiando aos produtores que apostan pola etiquetaxe en galego como marchamo de calidade e garantía de orixe dun produto.

    A campaña Da Lingua ao Prato acerca á cidadanía a varios produtoras e produtores galegos que apostan polo uso da lingua galega para etiquetar os seus produtos de calidade poñéndoos nos mercados nacionais e internacionais cun marchamo de identidade que os valoriza. 

    BUBELA é unha empresa creada por Fran e Marta en Lugo, dous emprendedores que elaboran pasta seca de xeito artesanal e cervexas ecolóxicas como base dunha alimentación saudable, dando prioridade á calidade do produto e cunha clara aposta  polo consumo de proximidade. Con técnicas tradicionais, ingredientes procedentes de agricultura ecolóxica e un proceso de elaboración moi coidado, poñen no mercado varios tipos de cervexa de carácter moi definido e varios tipos de pasta seca que elaboran utilizando moldes de bronce e un proceso de secado moi lento para preservar as propiedades nutricionais e organolépticas conseguindo un produto de altísima calidade. 

    Dora Cabaleiro e Luz Rossel dúas mulleres de distintas procedencias, Galicia e Bélxica, que se uniron para desenvolver un proxecto de vida nun espazo singular da Galicia máis profunda, San Pedro de Ernes en Negueira de Muñíz (Lugo), coa finalidade de aproveitar os recursos naturais da zona sacando ao mercado produtos de calidade producidos en ecolóxico baixo o selo Ribeiregas.

    ALMA MEIGA é unha marca de aceite de oliva producida en Ourense a partir de aceitunas de cultivo propio nas comarcas do Ribeiro e da zona de Quiroga en Lugo. Ao fronte da empresa están José A. García Martínez e a súa filla Antía García Rodríguez que poñen todo o seu empeño para achegar ao consumidor un produto exquisito etiquetado en galego como sinal de identidade e garantía de orixe e calidade. Usando técnicas respectuosas co cultivo e coa recollida consiguen poñer no mercado un aceite de alta calidade herdeiro dunha longa tradición existente en Galicia que hoxe está sendo recuperada.

    Previous articleMil Festas Máis para a Lingua Galega coa Banda da Loba.
    Next articleConsume e agasalla en galego!