Galicia Confidencial – Galicia, Abanca e Pescanova

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

A maioría das institucións públicas galegas utilizan a lingua galega nas súas actividades administrativas que os cidadáns e empresas aceptan con total naturalidade, sen que esta práctica rexistre conflitividade. Porén, eses 2.700.000 de cidadáns na súa condición de usuarios e consumidores non reciben o mesmo trato lingüístico por parte das empresas prestadoras de servizos e elaboradoras de variadas marcas comerciais.
Neste desigual trato é onde podemos observar a anómala cohesión social galega. Posturas diverxentes que evidencian que a cultura empresarial en Galicia está moi afastada da identidade do país.Son moitas as causas que explican este comportamento. A máis importante é a que nos informa dos prexuízos lingüísticos con matices ideolóxicos que aniñan nas mentes dos xestores e estrategos  do tecido empresarial.

A exclusión da lingua galega nas prácticas empresariais afecta directamente á esfera dos dereitos humanos dos traballadores recoñecios e amparados polo noso ordenamento xurídico interno e  as instancias europeas das que formamos parte. Ordenamentos xurídicos, ambos os dous, que se complementan no recoñecemento da pluralidade  lingüística como valores consubstanciais do patrimonio cultural da unidade europea.

Os receos lingüísticos das empresas non teñen base científica. Non existe ningún estudo sociolingüístico que desaconselle o uso do noso idioma nas prácticas empresariais e comerciais polo rexeitamento que poidesen provocar nos usuarios e consumidores. Xa que logo temos eses comportamentos enquistados na cultural empresarial son  resultado de rotineiras inercias contrarias ás estratexias comerciais que deben procurar a simpatía dos seus clientes.

Os xestores empresariais tamén son consumidores de produtos que falan idiomas distintos do seu e non por iso os rexeitan, recíbenos con agrado e mesmo como unha diferenza de bo gusto por eles. Aceptan o foráneo pero non imitan os exemplos. Os mercados non fan distingos nin discriminacións polas linguas empregadas nas súas etiquetas, fáno pola calidade dos produtos.Os idiomas son referencias necesarias para identificaren a súa oríxe.

O Foro E. Peinador  e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros veñen desenvolvendo unha actividade continuada no tempo para convencer ás empresas da utilidade e oportunidade de incardinárense na cultura galega como un factor decisivo para a cohesión social, tendo na complicidade o seu mellor aliado. O resultado dese traballo está a dar resultados moi positivos: cada vez son máis as marcas comerciais que se etiquetan en galego.Con esta perspectiva a lingua é un axente activo dentro da política empresarial socialmente responsable.

Aproveitando que Abanca é a socia maioritaria de Nueva Pescanova, o Foro E. Peinador elaborou un documento solicitando desta empresa a incorporación da lingua galega nas súas actividades empresariais e comerciais, documento que vai avalado por distintas sinaturas:  Presidente do Parlamento de Galicia, grupos parlamentarios, reitores das tres universidades galegas, as catro centrais sindicais maioritarias en Galicia e un numeroso grupo de concellos significativos, por citgarmos algúns, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra,etc. que representan a pluralidade da sociedade galega.

As empresas que desenvolven a súa política comercial e comunicativa tamén en galego fanno dun xeito máis aberto, dinámico e plural, porque están máis preparadas para atender correctamente aos seus clientes e máis capacitadas para relacionárense coa súa contorna pregoando a súa denominación de orixe, di un parágrafo do documento enviado a don Juan Carlos Escotet, Presidente de Abanca.  De feito, a entidade financeira utiliza o galego na publicidade e nalgunhas relacións cos seus clientes.Xa que logo, o exemplo de Abanca pode ser imitado por Nueva Pescanova. Galicia precisa de empresas que a recoñezan no uso que fagan  dos seus valores patrimoniais. Sería moi oportuno unha investidura de galeguidade empresarial nesta industria pesqueira que aplauidirían o conxunto da sociedade galega e as súas institucións.

Deixar comentario

Please enter your comment!
Please enter your name here