Galicia ten unha variedade territorial diversa para o cultivo de moitos produtos que medran nos variados microclimas existentes na nosa terra. A terra e o mar compleméntanse, converténdonos nun país cunha economía propia que ainda podería ser máis vizosa se fosen recuperados espazos hoxe ermos por mor dunha despoboación do rural preocupante.
Os produtos galegos que compiten en mercados globais, precisan de consumidores foráneos pero tamén dos nosos. Consumidores e consumidoras que teñen como lingua propia o galego, unha marca identitaria que nos sitúa no mundo cunha especificidade concreta, Galicia.
Etiquetar os produtos no idioma que nos define como pobo con identidade propia é reforzar os sinais da denominación de oríxe, é marcar unha garantía de produción propia, unha maneira de ser, de consumir e de relacionarmos co mundo dentro da súa enorme diversidade cultural e lingüística.
Fixar poboación e crear emprego no rural. Apoiar as nosas explotacións agroalimentarias. Identificar os produtos da terra coa lingua propia. Incentivar a garantía de orixe do produto. Defender o noso. Estas son as razóns fundamentais da campaña CON ACENTO PROPIO coa que o Foro Peinador, a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros coa colaboración da Xunta de Galicia pretenden dinamizar a lingua galega no tecido económico e promover un consumo responsable e consciente.