Mar Adiante – As Xeiras dos Ultreias

    Mar Adiante - As Xeiras dos Ultreias
    Mar Adiante – As Xeiras dos Ultreias

    A asociación xuvenil Ultreia xorde como unha das consecuencias da conferencia pronunciada por Álvaro das Casas no Paraninfo da Universidade de Santiago en marzo de 1933. “Cómpre -dicía o conferenciante- que os nosos rapaces vexan, doitamente dirixidos, escolas, fábricas, minas, talleres, bancos, clínicas, museos, laboratorios, hospitais, sociedades obreiras, etc.; o día de mañá son chamados ao goberno, se teñen de sentir por riba de si a responsabilidade dunha dirección, estarán documentados persoalmente e saberán das nosas angueiras, das nosas preocupacións e das nosas necesidades”

    A palabras de Álvaro das Casas foron os alicerces sobre os que se construíu un movemento xuvenil de considerables dimensións. Máis de dous mil cincocentos mozos formaron parte dos “Ultreia”, e todos eles participaron nas actividades programadas, que foron moitas, salientando entre elas as chamadas “Xeiras”, que eran excursións preparadas para que os rapaces puidesen coñecer a xeografía do País, os seus costumes e a súa historia.

    Dos “Ultreia” formaron parte coñecidos próceres do galeguismo: Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego, Rufo Pérez González, Antón Beiras, etc… todos eles, co paso do tempo, foron “persoeiros” da nosa cultura e esteos do movemento regaleguizador iniciado coa República española e mesmo nos anos da ditadura.

    A Asociación Álvaro das Casas quixo revivir aquela “Xeira” marítima iniciada en Muros, que percorreu as rías baixas ata remataren en Vigo. Desta volta foi con rapaces do interior de Galicia, coa apoio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e levouse a cabo nos primeiros cinco días do mes de xullo de 2006 a bordo do veleiro “Nauja”. Unha experiencia fermosa que recollemos no libro “As xeiras dos Ultreia”.

    Deixar comentario

    Please enter your comment!
    Please enter your name here