Lingua e administración

    A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) nace en 1984 baixo o pulo dun grupo de funcionarios públicos,  que por mor do seu anterior compromiso coa cultura e lingua galega durante a ditadura, consideraban que coa constitución das novas corporacións locais chegara o momento de abordar a normalización lingüística.

    Partíase unicamente das únicas referencias legais do Estatuto de Autonomía de 1981, que tivemos que interpretar coa lóxica xurisprudencial para adiantármonos ás disposición legais que se habían ditar  no período que vai dese ano ao da promulgación da Lei de Normalización  Lingüística de Galicia, o 15 de xuño de 1983. Un período decisivo no proceso do funcionamento inicial das administracións locais.

    Ao carón delas estaba a formarse a administración autonómica, na que non faltaron moitas improvisacións e moitas limitacións, habida conta que os que a impulsaron desde a preautonomía foran políticos vencellados á ditadura.

    Xa que logo, os funcionarios públicos habían ser determinantes na toma de posicións dos políticos. E se na administración autonómica foi o “déficit” de autonomistas, na administración local foi a función limitadora de moitos secretarios dos concellos herdados e formados no antigo réxime. O seu comportamento chegado o momento de adecuaren os servizos públicos ao réxime da cooficialidade lingüística foi limitador ata o extremo de poñer atrancos ao mero exercicio da dobre columna (castelán/galego) nos documentos emitidos polos concellos. Únase a ese atranco outro, que neste caso proviña dunhas artes gráficas que subministraban formularios en réxime de monopolio a todos os concellos galegos. A ideoloxía daqueles empresarios houbo que salvala rachando o monopolio e pedíndolles aos concellos que imprentasen os seus formularios en imprentas locais, máis accesibles.

    Pero para iso houbo que facer un labor ímprobo de traducir ao galego formularios editados en castelán con arcaismos e unha literatura obsoleta que impedía a transparencia democrática. Este traballo supuxo moderninar a linguaxe xurídico-administrativa e que unha instancia universitaria o avalase. Así foi coma se foi desenvolvendo un bucle de accións que tiveron ao Instituto da Lingua Galega (ILG) como a autoridade dabondo para acreditar a redacción dos novos formularios.

    Tamén houbo que acometer o labor de agrupar nun vocabulario todos os termos de índole xurídico-administrativa que fosen de utilidade para as clases de capacitación de lingua galega naqueles poucos concellos que estaban pola transformación dos seus aparellos administrativos noutros adecuados ao novo réxime constitucional. Por certo, poucos o estaban.

    Este proceso vivificador da galeguización xurídico-administrativa, despois dos chamados catro séculos escuros,  ten como animadora a AFNLG á que se van incorporando os cadros máis cualificados das administracións públicas. Ao tempo, van tecéndose con eles equipos de traballo que poñen en pé unha actividade creativa que foi determinante para constituir un corpus documental imprescindible, pero sobre todo coa fixeza que lle dá a auctoritas da Universidade de Santiago (USC) e os acatamentos institucionais restantes. Velaí acertada estratexia seguida pola AFNLG, que foi consolidando criterios e instrumentos nunha linguaxe propia á marxe das liotas normativistas.

    Nesa consolidación está o modelo de Ordenanza Reguladora do Uso do Galego polas Corporacións Locais  e as edicións monolingües (en galego) do Diario Oficial de Galicia e do Parlamento de Galicia (Boletín Oficial do Parlamento e Diario de Sesións).

    Ao tempo foise conseguindo que as corporacións locais, nas convocatorias de oposicións e concursos, incluísen o coñecemento de lingua galega, ben sexa realizando exercicios preparados para a ocasión ou acreditándoo mediante cursos superados.

    Tamén tivo moito que ver a AFNLG na redacción do proxecto de Lei de Normalización da Lingua Galega, Lei de Uso do Galego polas Corporacións Locais, posteriormente derrogada e incorporado o seu articulado á Lei da Función Pública e outras moitas disposicións legais do Goberno galego reguladoras do uso da lingua galega en distintos organismos autónomos e outros espazos sociais.

    Os boletíns Lingua e Administración editados pola AFNLG foron  ferramentas moi útiles nun periódo histórico onde o desenvolvemento normativo era inexiste dando paso a outro no que foi mester preparar distintos proxectos xurídicos para sancionalos coa legalidade.

    A falta dunha Escola Galega de Administración Pública que programase cursos sobre o réxime xurídico da cooficialidade a AFNLG, que trenzou relacións coa Escola d´Administració Pública de Catalunya, programou cursos sobre Dereito Público ao que acudiron ben número de funcionarios e funcionarias que foron os encargados de espallar a doutrina xurídica que contrarrestrase a actuación negativa dos chamados funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional. Fundamentos contra fundamentos. Velaí a difícil loita dialéctica que houbo que poñer en marcha para gañarmos a confianza das corporacións locais que chegaron a desconfiazar das nosas proposta.

    Como conclusión podemos dicir, sen medo a equivocarnos, que o labor desenvolvido naqueles primeiros momentos pola AFNLG foi tan amplo e diverso que nel están incorporados Manuais de Formularios, Dicionarios, Vocabularios, leis e, nomeadamente os códigos Penal e Civil que abriron os camiños para introducir a a lingua galega noutras ramas do Dereito.

    Desde eses primeiros anos a hoxe, a AFNLG leva traballando arreo pola normalización e aceptación da lingua galega en distintos ámbitos de uso, administrativo, xurídico, sanitario, derradeiras vontades, tradicións, mocidade, etc….  máis de 25 anos traballando pola lingua e a cultura de Galicia.

    Descargas

    Next articleDeclaración de Alcaldes