O primeiro libro da colección “Encontros coa tradición: conversas no Ribeiro” foi dedicado ao viño. Esta colección pretende recuperar parte da historia que conforma a nosa tradición diferenciandonos como pobo cunha cultura e un idioma de seu.
O libro foi presentado en Ourense, no edificio Simeón, o día 2 de decembro de 2005. Na súa presentación participaron Avelino Muleiro (Presidente da Asociación Álvaro das Casas), Xosé Manuel Cid (profesor universitario), Francisco Saa (en representación da Delegación Provincial da Consellería de Cultura en Ourense) e pechou o acto o Presidente da Deputación Provincial de Ourense, D. Xosé Luís Baltar. A presentación en Vigo levouse a cabo no Centro Cultural Caixanova o día 15.12.2005 e no acto participaron aparte dos membros da asociación Álvaro das Casas, o profesor e escritor Modesto Hermida e a Delegada de Cultura en Pontevedra, Marta Souto.
O libro, de coidada edición con textos do etnógrafo -membro da asociación- Clodio González Pérez e con fotografías de Pío García, leva incorporado un CD coa voz dos protagonistas, 6 persoas maiores de máis de 80 anos que rememoran o seu pasado e a súa vida.