Xa van dezaseis anos nos que a Fundación Peña Novo celebra en Soutomaior a entrega dos premios Lois Peña Novo que recairon desta vez no Concello de Burela, nomeadamente no Proxecto Burela e no traballo desenvolvido polo mesmo, no Bufete de avogados FORO AVOGADOS LUGO e no profesor D. Ramón Lorenzo.
Desta volta caíu en mércores, un caluroso 30 de xuño de 2010 ás 20.00 horas do serán o salón nobre do castelo, morada que foi de Pedro Madruga, ateigado de xentes que percorreron Galicia para acompañar aos premiados.
A música foi o fio de unión entre os distintos espazos que se van sucedendo ao longo do acto e o trio de corda XAIVA foi o encargado de manter esa conxunción entre o lúdico e o discurso da recuperación da nosa lingua.
A figura que a Fundación Peña Novo escolleu este ano para lanzar esa necesaria e oportuna mensaxe de defensa do noso idioma no ámbito xurídico foi D. Victorino Gutiérrez Aller, ex-notario de Lalín que ao longo da súa vida profesional tivo unha especial preocupación pola defensa da nosa lingua no ámbito notarial. O documental “A lingua dos protocolos” realizado para a ocasión pon a disposición do público esta figura que debe server de exemplo e compromiso aos novos funcionarios públicos.
De Burela chegaron 45 persoas ilusionadas para recolleren o premio, inmigrantes caboverdianos e doutros lugares do mundo que aceptaron o feito diferencial galego como un sinal de identidade e distinción. Antonina Semedo acompañou ao alcalde, Alfredo Llano García, cunhas emotivas palabras e unha cálida voz sorprendeu ao público cantando unha fermosa canción, facendo ver que a integración é posible. Tamén de Lugo chegaron a totalidade dos integrantes do bufete Foro Avogados Lugo do que un dos seus socios fundadores, Xullo Alberte Feixoo, pronunciou un fermoso e reivindicativo discurso a prol da utilización da lingua galega no eido xurídico. Representantes da Real Academia Galega,Universidade de Vigo, do Instituto da Lingua Galega, do Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades e outras moitas personalidades da cultura, quixeron acompañar a D. Ramón Lorenzo neste acto de recoñecemento de toda unha vida de traballo a prol da cultura e da lingua de noso.
A presidencia do acto estivo conformada por Don Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; Don Xosé Luís Méndez Ferrín, Presidente da Real Academia Galega; Don Salustiano Mato, Rector da Universidade de Vig; Don Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; Don José Juan Durán, Vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Don Agustín Reguera Ocampo, Alcalde do Concello de Soutomaior e Don Xosé González Martínez, Presidente da Fundación Lois Peña Novo.
Entre o numeroso público asistente cabe destacar a presenza dos académicos D. Xosé Neira Vilas, D. Xosé Luís Franco Grande, D. Antón Santamarina; Manuel González, que fixo a louva dos premiados, D. Luís García Mañá, Xefe Superior de Policía de Galicia; D. Manuel Ferreiro Losada, Xeneral Xefe da Garda Civil en Galicia, Xossé M. Salgado, comisario-xefe provincial do CNP,etc..