O xoves, 25 de xuño, levouse a cabo o acto de entrega dos Premios Lois Peña Novo que nesta XV edición recairon en D. Emilio González Fernández, médico psiquiatra, o Estaleiro H.J. Barreras e no Concello da Estrada.
As 20.00 horas do serán o salón nobre do castelo de Soutomaior encontrábase ateigado de xentes vidas de moitos lugares de Galicia para acompañar aos premiados. Os acordes das arpas celtas do Cuarteto Lulavai deron comezo ao acto interpretando Amalgama, un arranxo de música tradicional para arpa celta que foi interpretado maxistralmente polas catro rapazas que conforman o grupo musical.
Seguindo na liña que hai anos iniciou a Fundación Lois Peña Novo de recoñecemento de figuras senlleiras na administración, fíxose neste ano unha homenaxe á figura de D. Xesús Taboada Chivite, un funcionario de telégrafos, intelectual, brillante e rigoroso nos seus traballos de investigación etnográficos e arqueolóxicos, que deixou forte pegada na sociedade do seu tempo. Taboada Chivite representa aos funcionarios públicos, que amais de teren un posto de traballo para sustento propio e familiar, queren engrandecer a cultura dun País, compatibilizando as súas obrigas profesionais coas vocacionais, que esixen dedicación e constancia. Para tal ocasión elaborouse un documental que recolle aportacións de persoas que traballaron e conviviron con el, dando lugar a unha visión máis ampla da súa persoa.
As súas fillas dona Consuelo, dona Carola e dona Elvira Taboada Cid, estiveron presentes no acto e tamén o seu fillo, D. Xesús Taboada Cid, quen se dirixíu ao público cunhas sentidas e emocionadas palabras.
A presidencia do acto estivo conformada por D. Antón Louro, Delegado do Goberno en Galicia que foi o encargado de entregarllelo premio ao Presidente do Estaleiro H. J. Barreras, D. José Francisco González Viñas; D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia que lle fixo entrega do premio ao eminente psiquiatra D. Emilio González Fernández; D. Anxo Lourenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística que fixo entrega do premio a D. José Antonio Dono López, Alcalde do Concello da Estrada; tamén conformaron parte da presidencia do acto D. Xosé González Martínez, Presidente da Fundación Lois Peña Novo; D. José Juan Durán Hermida, Vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; D. Agustín Reguera Ocampo, Alcalde do Concello de Soutomaior e polo membro da Real Academia Galega D. Xesús Ferro Ruibal quen, como presidente do xurado, fixo unha valoración dos méritos dos premiados dirixíndose ao público cun fermoso discurso.
Entre o numeroso público asistente cabe destacar a presenza de D. Luís García Mañá, Xefe Superior de Policía de Galicia; D. Delfín Fernández, Subdelegado do Goberno en Pontevedra; D. Manuel Puga Pereira, Presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; D. Xosé Neira Vilas, escritor e a súa dona Anisia Miranda; D. Guillermo Sánchez, Comisario Xefe da comisaria de Vigo-Redondela; D. Benito Montero Prego, Fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra; D. Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Irmandade Xurídica Galega, etc…
Ao remate do acto os asistentes brindaron pola saúde da nosa lingua, cun viño galego etiquetado na nosa lingua.