Premios Lois Peña Novo 2011

    Un ano máis, e xa son 17, nos que o Castelo de Soutomaior é escenario escollido para o acto de entrega dos Premios Peña Novo. Desta volta o escenario mudou do interior ao exterior, e o Patio de Armas do castelo, coa Galería das Damas de fondo, servíu para acoller a gran cantidade de persoas que quixeron acompañar aos premiados nese día de recoñecemento a un traballo a prol da lingua e da cultura de Galicia.
    Como sempre tamén a música foi protagonista e o trio de corda Deva foi debullando desde o inicio do acto pezas tradicionais para gaita, frauta traveseira, bouzoki e violín creando un ambiente moi agradable e concitando a atención entre o público.

    Premios Lois Peña Novo 2011

    A presidencia do acto estivo conformada por D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; Dª. Teresa Conde-Pumpido Touron, Presidente do Consello Consultivo de Galicia; D. Francisco Fernández Rey, vice-secretario da R.A.G.; D. Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; D. Alberto Pazos Couñago, deputado provincial da Deputación de Pontevedra; D. Xosé Antón Gómez Segade, catedrático de Dereito da U.S.C.e membro do xurado deste ano e D. Xosé González Martínez, presidente da Fundación Lois Peña Novo.
    Para D. Francisco Fernández del Riego, que foi presidente honorífico da Fundación Peña Novo, tívose no acto unha lembranza de agradecemento e agarimo pola súa excepcional figura e polo apoio incondicional que sempre tivo para esta iniciativa cultural coa interpretación dunha peza musical moi do seu gusto, coa que el sempre remataba as xuntanzas cos amigos “A miña burriña”. Foi un momento emocionante que o público rubricou cos seus aplausos de recordo.
    Entre o numeroso público asistente salientaba a presenza de D. Luís García Mañá, Xefe Superior de Policía de Galicia e moitísimos outros compañeiros do Corpo Nacional de Policía que quixeron acompañar a un dos premiados: D. Xosé Rodríguez Cruz, policía nacional da Comisaría de Ourense.

    Premios Lois Peña Novo 2011

    Encontrábase tamén entre o público, D. Camilo Nogueira Román e a súa familia, pai da profesora Dª. Alba Nogueira, outra das galardoadas deste ano.
    D. Santiago Amor, alcalde do concello de Ames, recolleu o premio dese concello e estivo acompañado por moitos concelleiros do actual equipo de goberno e tamén da corporación anterior que moito tiveron que ver cos méritos que motivaron a concesión deste galardón.
    Os múltiples méritos dos premiados foron maxistralmente expostos polo profesor Gómez Segade quen fixo coa súa oratoria unha densa louva de cada un dele.
    Foi un acto cheo e emoción no que se recoñeceu unha vez máis o esforzo e o traballo de persoas que dignifican a cotío a lingua galega en cadanseu ámbito profesional.

    Previous articlePremios Lois Peña Novo 2010
    Next articlePremios Lois Peña Novo 2012