IRGADE

Unha lingua nunca estará normalizada se permanece permanentemente coutada nos espazos literarios. A lingua debe ser código de comunicación usual noutros eidos para podermos falar dun idioma con futuro. Velaí porque a Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros artellou un discurso para que o galego sexa o idioma da publicidade e etiquetaxe dos nosos produtos.

VI Asemblea IRGADE 11-1-2020

Non foi doado introducir este discurso para convencer aos empresarios das súas vantaxes xa que moitas veces permanecían aniñados prexuizos lingüísticos. Entendían moitos que cando unha marca comercial traspasaba as nosas fronteiras xeográficas o uso da lingua propia era unha limitación para os consumidores doutros países ou lugares. En Galicia tamén se consumen produtos de marcas foráneas: licores, viños, champañas, perfumes, cosméticos, etc… que veñen referenciados nas linguas propias de cadanseu país de orixe.  Observamos a cotío campañas publicitarias de gran repercusión mediática e económica feitas en francés ou inglés sen que iso sexa un detrimento para a súa venda e publicidade no noso entorno senón todo o contrario.

DO NOSO, MELLOR EN GALEGO 14/7/2017 IRGADE

Efectivamente,  produtos que se queren diferenciar nos mercados teñen que ter unha cualificación idiomática que reforce a súa denominación de orixe. Por iso consideramos que a lingua galega é o mellor medio para convencer aos consumidores de que o produto que adquiren é inequivocamente galego. Galicia vende calidade,  porque somos un país que ten unha riqueza natural que dá infinidade de recursos. Publicitalos nun idioma que non é o noso é  mergullalos na globalidade de milleiros e milleiros de produtos que hoxe existen no mercado. Dárlle ese punto de diferenciación é favorable polo tanto para insistir en que é un produto de calidade con selo de identidade e garantía de orixe galega.

En galego, consumo gusto - Foro Peinador - 26/11/2009

Os franceses acuñaron a denominación “delicatessen” coa que coñecemos aqueles produtos deliciosos ou exquisitos. Macar polo tanto a diferencia é a clave para existir nun mercado global. Un pensador galego ala pola volta dos anos vinte dixo “que para ser existente hai que ser diferente”. Pensamento ben acertado que vén moi a conto do que estamos a dicir.

2016-07-23 IV IRGADE

A Irmande Galega de Agroalimentarios e Adegueiros vén facendo cada ano campañas de concienciación a prol do uso do galego nas etiquetas comerciais para que as nosas empresas identifiquen os seus produtos coa nosa lingua. Co decorrer do tempo a mensaxe callou e hoxe xa son moitas as marcas comerciais que se publicitan no idioma galego sen reservas nen prexuízos lingüísticos. Reivindicar a nosa identidade fará que sexamos máis nós.