O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que insta á Xunta de Galicia a impulsar o consumo de produtos galegos.
O texto aprobado é o seguinte: 1) Impulsar o consumo de produtos galegos xa que iso constitúe o noso desenvolvemento económico; 2) Refrendar a Carta do Consumo Responsable e Solidario que o pasado día 6 de xullo asinaron os grupos políticos a instancias da Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios; 3) Promocionar, dentro das liñas desenvolvidas pola Xunta de Galicia, os produtos galegos etiquetados e comercializados na lingua galega; 4º) Establecer medidas de apoio para promover a etiquetaxe e a distribución de produtos agroalimentarios en lingua galega, referenciándoos como produtos de calidade vinculada a un modelo produtivo asentado no territorio e a unha cultura, e establecendo medidas para optimizar o potencial da lingua galega para as exportacións dos nosos produtos nos mercados de todos os países da lusofonía; e 5) Adoptar as medidas necesarias para darlles efectividade ás medidas contidas na área de comercio do Plan de Normalización Lingüística.
Non é a primeira vez que o Parlamento de Galicia se ocupa da importancia que ten a prensenza da lingua galega nas etiquetas. Cómpre lembrar que o día 18 de marzo de 2008, a instancias da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia producíuse un feito importante para pular o proceso de galeguización das marcas galegas. Ese día a Mesa do Parlamento recibíu con esmerada solemnidade a todos os adegueiros que etiquetaban en galego.
A Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios (sección do Foro E. Peinador) vén desenvolvendo desde entón unha intensa actividade para extrapolar a galeguización do sector vinícola a outros produtos elaborados polas nosas industrias de transformación agraria. Os avances acadados teñen sido importantes nestes últimos anos. Constatase unha maior receptividade ao discurso da galeguización dos produtos alimentarios; tanto é así que estamos esperanzados porque o efecto contaxio estase a ver xa noutros sectores da economía. As modestas pero imaxinativas campañas de fomento da etiquetaxe e de chamamento aos consumidores promovidas pola Irmandade están a dar bos resultados.
Agardamos do Goberno galego medidas eficaces que desenvolvan as propostas da iniciativa parlamentaria, tales como a galeguización das denominacións “ternera gallega”e “orujo gallego”, poñamos por caso. Asemade a marca “Galicia Calidade” debería establecer para os produtos etiquetados en galego un selo de distinción que prestixie ás marcas galeguizadas. Tamén é importante que nas feiras de alimentación e turismo promovidas pola Xunta de Galicia se lles dea un tratamento de consideración especial que contribúa a crear un clima de orgullo e autoestima polo propio entre os produtores e consumidores.
As reglas que determinan as relacións que hai entre a oferta e a demanda poden ser modificadas se os consumidores son esixentes nas súas compras preferindo aquelas marcas que incorporen a lingua galega ás etiquetas. Cando esta cultura calle nun número considerable de consumidores a galeguización da economía será un feito; daquela a lingua galega terá asegurado un espazo social importante para a súa pervivencia.