Chega o 25 e con el a celebración do Día da Patria Galega, Día Nacional de Galicia ou Día de Galicia, que coas tres denominacións son convocadas concentracións para festexaren unha data moi significativa no calendario sentimental dos galegos e galegas. Galicia enteira acudirá aos chamamentos que fan partidos políticos e sindicatos. En todos eles apelarase á galeguidade con cadanseu matiz. Mais o que nos debe preocupar é que todos os discursos que se pronunciarán teñen algo en común: a retórica da abstración, máis ou menos cargada de bombo.Galicia non pode ser unha abstración. É unha Terra que se ve, que se ole,que se apalpa… dixo Vicente Risco. O Foro E. Peinador hai ben anos que ben dirixíndose aos cúmios das organizacións convocantes para que concreten a idea de Galicia que lles queren transmitir ás súas hostes. Nese intento non tivo nunca éxito. O pedimento que se lles fixo caeu en saco roto. Débelles parecer unha nimieza ou impertinencia dirixírse aos seus seguidores instándoos a escolleren preferentemente produtos galegos no seu consumo cotiá. O razoamento de tal solicitude está debidamente xustificado: as industrias agroalimentaria precisan de consumidores que as fagan viables e non sucumban ante a voraz competencia de produtos foráneos que atopan nas grandes superficies e supermercados todas as facilidades para a comercializan dos seus produtos que se lles negan aos nosos. Hanse referir os que pronuncian os discursos conmemorativas, como é costume neles, a nosa condición de nacionalidade que sofre as políticas marxinadoras do Estado. Non seremos nós os que neguemos que así é. Pero reprochámoslles aos concelebrantes a perversa disociación das características que definen a nacionalidade. Castelao, a quen se citará en todos os actos, enumerou as características de Galicia: idioma, territorio e vida económica propia, amais dos hábitos sicolóxicos refletidos nunha comunidade de cultura. Características indisociables. Mais o certo é que cadaquén, esgazando a unidade que conforman todas, adoitan facer fincapé nun ou noutro aspecto segundo lles conveña ao seu credo político. O máis que poden facer é utilizar os catro conceptos para arrebolarllelos aos contricantes criticándolles as súas políticas. Ninguén apela á galeguización da economía, por exemplo. O Foro E.Peinador na misiva que lles enviou ás organizacións políticas e sindicais dílles que “a economía debe ser galeguizada, nomeadamente no ámbito agroalimentario. As explotación agrícolas e industrias de transformación do sector precisan do apoio dos consumidores para sobreviren e producir fixación de poboación no rural. Por idénticas circunstancias de dificultades pasa o noso idioma, que non acaba de ter a presenza que debera ter nos ámbitos sociais e económicos. Os nosos produtos e lingua galega porecisan do apoio dos consumidores para afortalaren es alianza estratéxica que define a Galicia como nacionalidade”. As organización receptoras do chamamento deberían practicar unha política pedagóxica de rente o chan, chamándolle ao pan pan e o viño viño; é dicir, “consideramos oportuno que desde as tribunas dos oradores se lles demande ao asistentes, de maneira expresa, clara e contundente, que nas compras cotiás elixan produtos etiquetados en galego. Porque deste xeito os consumidores terán a oportunidade de manifestaren un galeguismo verdadeiramente transformador”. De non mudaren o discurso, o demais é falar por falar. Hai que superar a diglosia no consumo. E un derradeiro prego, agora dirixido aos militantes máis conscientes desas formacións sindicais e políticas: demándenlles aos seus dirixentes que nas convocatorias do próximo día 25 se pronuncien sobre este asunto tan decisivo para nós coma pobo. A unidade fai a forza. Ramón Cabanillas, o noso poeta máis reivindicativo expresouno poeticamente nestes versos: “ Galicia, Nai e Señora, sempre garimosa e forte: preto e lonxe; onte, agora, mañá…na vida e na morte!
Home Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüistica