Foro Economía e Identidade celebrado na Toxa

    Foro Economía e Identidade celebrado na Toxa - Foro Peinador 20/02/2009

    En marzo de 2007 celebrouse na Illa da Toxa o primeiro encontro de empresarios para debateren as propostas e obxectivos do Foro E. Peinador, ao que asistiron oitenta e catro empresarios de relevancia na economía galega. O acto presidíuno o Sr. Presidente da Xunta de Galicia, don Emilio Pérez Touriño, que estivo acompañado do Conselleiro de Economía e outras autoridades do goberno galego.

    Consonte co establecido polo Plan Xeral de Normalización Lingüística, aproboado por unanimidade no Parlamento de Galicia, o Foro E. Peinador, vén celebrando os “Encontros de Lestrove”, unha cita mensual á que son convocados os directivos das empresas galegas para explorar as posibilidades de introducir a lingua galega nas actividades mercantís.

    Máis de sesenta empresarios acudiron a estes encontros.
    Resultado dese diálogo incesantes son os convenios asinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que participa no Foro, con moitas desas empresas. Nomeadamente coas do naval, representadas polo Asteleiro HJ.Barreras e o cluster , “Aclunaga”, que asinaron convenios de galeguización en actos sen parangón na historia da normalización lingüística de Galicia, celebrados nas instalacións do asteleiro Barreras.

    O Foro Peinador pretende conciliar o mundo empresarial e económico coa defensa dos valores culturais e lingüísticos propios de Galicia.

    Cunha mirada cara ao pasado para lembrar as figuras de tres destacados empresarios galegos: Enrique Peinador Lines, Xesús Canabal Fuentes e Antonio Fernández López, emprendedores que personifican a aspiración de lograr a expansión económica e asumir ao mesmo tempo unha posición influínte na sociedade galega e na defensa da identidade de Galicia, e con outra mirada cara ao futuro, que se concreta nas accións da sociedade e da nova industria galega, que aposta claramente polo I + D + i como estratexia no ámbito tecnolóxico e empresarial, o Foro Enrique Peinador quere impulsar diversas iniciativas que conduzan á galeguización do noso tecido económico.

    Na estratexia do Foro Enrique Peinador figura o encontro con diversos ámbitos empresariais, incluso con aqueles que exercen a súa galeguidade noutros territorios do Estado e doutros países. Aposta tamén por unha atención diferenciada nas relacións comerciais con Portugal para programar accións conxuntas, favorecidas pola proximidade lingüística e xeográfica, e polos intereses comúns entre os dous territorios a través de institucións como o Eixo Atlántico.

    O Foro Peinador quere impulsar a utilización da lingua galega e priorizar a súa acción nunha serie de áreas que van desde a formación e ocupación dos nosos recursos humanos, pasando pola modernización da Administración Pública, a saúde, a educación, os medios de comunicación, etc… ata chegar á proxección internacional da lingua e da cultura de Galicia.

    Finalmente, cómpre dicir que desde o Foro Peinador procuramos a utilización da lingua galega en todos os niveis da empresa, tanto como lingua de traballo como nas comunicacións internas; ademais, preténdese favorecer o emprego do galego nas comunicacións cos clientes e proveedores, a publicidade comercial e nos medios de comunicación, o favorecemento da integración dos traballadores inmigrantes na sociedade galega e o uso estendido do galego no sistema informático.

    Todas estas iniciativas queren construir unha estratexia que nos permita artellar un camiño serio e planificado a prol da galeguización do mundo empresarial de Galicia.

    PROGRAMA

    17:00 horas Apertura. Intervención do Excmo. Sr. Conselleiro de Economía e Facenda, D. José Ramón Fernández Antonio.
    17:15 horas Intervención do Excmo. Sr. Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, D. Carlos Varela García.
    17:30 horas Intervención do Sr. Catedrático da Universitat Politécnica de Barcelona, D. Francesc Solé Parellada.
    18:00 horas Pausa – café
    18:30 horas Intervención do Sr. Conselleiro Delegado de Hijos de Rivera, D. Xosé María Rivera
    18:00 horas Intervención do Sr. Director Xeral de R Tel., D. Arturo Dopico
    19:30 horas Debate coordinado polo Sr. Director Xeral de Caixa Galicia, D. José Luís Méndez López
    20:30 horas Clausura. Intervención do Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, D. Emilio Pérez Touriño.
    21:00 horas Cea de clausura

    Previous articleEncontro en San Estebo de Rivas do Sil
    Next articleEncontro en Lestrove