A década dos cincuenta do século pasado está ateigada de feitos e personaxes sobranceiros que salientaron no eido científico. Para que isto ocorrese non podemos esquecer algúns fitos relevantes. En 1956 celébrase en Buenos Aires o 1º Congreso da Emigración Galega. Un cónclave que foi decisivo para alentar no interior do país un proceso de modernización e avances en todos os campos.
A Revista de Economía de Galicia, que foi o intento máis rigoroso e científico de ordenar o pensamento económico galego e as iniciativas que se deberían tomar para reconstruír a identidade galega e todas súas compoñentes, ten as súas oríxes naquel congreso.
Esta publicación foi promovida por un grupo de empresarios galeguistas que sufriran a represión da ditadura. No editorial do primeiro número correspondente a xaneiro de 1958, manifestan expresamente o seu pensamento: «A economía ten unha íntima vinculación coa cultura, ben coma un dos seus factores integrantes en canto riqueza, ben como produto cultural específico en canto investigación e coñecemento teórico desa riqueza». Son os precursores do I+D+i + G, a recorrente fórmula aritmética aplicada para o desenvolvemento económico dun país concreto cunha economía diferente das circundantes.
Ese mesmo ano Juan Rof Carballo publica en lingua galega o ensaio científico ‘Mito e realidade da Terra Nai’. Unha publicación que explica con rigor a idiosincrasia da personalidade dos galegos á luz da antropoloxía médica, nomeadamente da medicina sicosomática.
Previamente, algúns dos protagonistas dos grandes avances deste período histórico poñen en marcha os Labotarios Zeltia, o primeiro centro de investigación biomédico de prestixio internacional. Antonio Fernández, Isidro Parga Pondal, Álvaro Gil Varela e Ramón Obella Vidal son algunhas das figuras claves deste proceso. Todos eles sufriron represión e exilio. Malia esas adversidades forman parte desa constelación de feitos anteriormente descritos.
Unha xeración senlleira na historia de Galicia formada en espazos comúns. Antón Beiras xorde cultural e politicamente na asociación Ultreya, creada por Álvaro das Casas nos anos vinte. Tal foi a gratitude a aquel movemento cultural que ao seu fillo púxolle un nome composto: Hixinio Ultreya. Especialista en oftalmoloxía, foi o autor do primeiro traballo científico redactado en lingua galega, que a Academia Médico Cirúrxica de Galicia publicou en 1957 na súa revista ‘Referatas’, titulado ‘Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos no estrabismo’.
Comentabame un compañeiro de Antón Beiras como este reivindicou o uso do galego en certa ocasión: «Estabamos nun congreso internacional no que participou para explicar o seu descubrimento científico para correxir o mal do ollo birollo e o instrumento que denominou ‘Vigoscopio’. Cando subiu ao estrado empezou a súa disertación en galego; os asistentes montaron unha alporizada zarracina alegando que o idioma oficial do congreso era o inglés. Negouse a facelo nese idioma con este argumento: «Para descubrir as causas do estrabismo e idear un instrumento para corrixir ese defecto visual, tiven que documentarme estudando a bibliografía publicada en inglés, castelán, francés, portugués, italiano e alemán.
Xusto é que agora os que os congresistas aprendan o galego, que é o idioma no que concebín as miñas investigacións, se teñen interese nelas».
Antón Beiras foi un galeguista progresista, solidario cos galegos que sufriran a represión dun réxime que tiña choídos nos cárceres a moitos científicos, a moitos galegos e galegas por defenderen o réxime constitucional republicano. A súa participación nas tertulias clandestinas que se celebraban en Vigo na longa noite de pedra deixaron un pouso que fizo que foron recordadas polos sobrevivintes daqueles tempos.
A Irmandade da Sanidade Galega, integrada no colectivo Galeguizar Galicia, coas as colaboracións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Concello de Santiago e Universidade de Santiago de Compostela, promoven unha homenaxe na Facultade de Medicina que se celebrará o próximo día 26 ás 12.00 horas, co descobremento dun busto realizado en bronce polo escultor José Molares, que será situado nun dos corredores do centro. Están previstas diversas intervencións de cualificadas personalidades que glosarán a memoria dun científico que fixo ciencia en galego ao servizo da humanidade.