Bacelos de Prata 2022

    XIV Edición premios Bacelos de Prata. 

    Visibilizando a identidade.

    Un ano máis a adega do Pazo dos Ulloa foi escenario da entrega dos premios Bacelos de Prata, convocados pola Asociación Álvaro das Casas coa finalidade de premiar a aquelas empresas do sector agroalimentario que utilizan a lingua galega na etiquetaxe e publicidade dos seus produtos, dándolle visibilidade a aquelas marcas comerciais que con esforzo e desde diferentes espazos poñen a disposición dos consumidores e consumidoras produtos  etiquetados en galego.

    O Coordinador da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, Xosé Carballido Présas,  iniciou o acto dando a benvida aos asistentes facendo un relatorio sobre a historia que une ao Pazo dos Ulloa coa Asociación Álvaro das Casas.  

    Numeroso público asistente escoitou a música de Alex e Xosé Salgado coa fermosa voz de María do Ceo, que interpretaron entre outros o poema “Tres Rios” escrito e dedicado a María por  Xosé Neira Vilas con música de María do Ceo. 

    Avelino Muleiro, presidente da Asociación Álvaro das Casas na súa intervención (poñer o discurso de avelino)  salientou a importancia de concienciar a toda a sociedade na defensa do medio ambiente e da natureza porque desa aposta depende a supervivencia e o benestar da poboación. 

    A secretaria da asociación, Carme Vaquero, deu lectura a acta de concesión dos premios.

    Ramón Rodríguez Porto, da Adega Terras de Bendaña,  recolleu o premio de mans da alcaldesa de Ribadavia recordando as xeracións anteriores que con esforzo xa facían viño nas terras da Ribeira Sacra e apostando por defender a cultura galega en diferentes eidos. 

    Dori Rodríguez e Jorge Alonso, da Adega Celme recolleron o premio de mans do Pte. do Consello Regulador da D. O. Ribeiro facendo fincapé na súa intervención da necesidade de poñer en valor tanto a lingua galega como territorio e unha forma de facer que valoriza o rural e os produtos galegos. 

    O presidente do Consello Regulador da D. O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, na súa intervención reparou na importancia que ten un acto como este, reivindicando un discurso galeguizador necesario nunha sociedade que precisa de persoas conscientes para construir unha Galicia mellor. 

    A alcaldesa de Bande e Xefa Territorial da Consellería de Cultura en Ourense, Sandra Quintás, agradeceu o traballo que veñen desenvolvendo as adegas que etiquetan os produtos en galego unindo calidade, identidade e lingua como xeito indisoluble para que Galicia teña unha presenza destacada nos mercados globais. 

    O Presidente do Foro E. Peinador, Xosé González Martínez, subliñou a importancia que ten para a economía galega a creación dunha marca-país como medio para diferenciarse nos mercados do mundo apelando ao uso da nosa lingua na etiquetaxe e na publicidade dos produtos. Insistíu así mesmo, na necesidade de practicar un galeguismo a xornada completa, non a tempo parcial, para conseguir unha visibilización da identidade galega na sociedade.

    Pechou o acto a alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez,  agradecendo a Asociación Álvaro das Casas a celebración do acto na Adega da Casa dos Ulloa en Esposende e animando aos adegueiros a utilización da lingua galega como sinal identitario que remarque a a calidade dos viños producidos en Galicia.

    Previous articleBacelos de Prata 2019
    Next articleBacelos de Prata 2023