A adega do Pazo dos Ulloa, onde no mes de decembro de 1935, se preparou o borrador da declaración fundacional da Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia, foi un ano máis o escenario da entrega dos premios Bacelos de Prata, convocados pola Asociación Álvaro das Casas para premiar a aquelas empresas do sector agroalimentario que utilizan a lingua galega na etiquetaxe e publicidade dos seus produtos.
Tanto os premiados deste ano como as mencións honoríficas entregadas, centraron o interese do público que encheu a adega do pazo a pesar das inclemencias do tempo. Unha boa lumieira de carballo presidíu, xunto co Conselleiro de Medio Rural, o Presidente e Secretaria da Asociación Álvaro das Casas e o alcalde de Ribadavia unha celebración no que a música de Alex e José Salgado xunto coa fermosa voz de María do Ceo crearon un alento ambiental no que se percibian emocionadas expresións dos asistentes.
Avelino Muleiro, presidente da Asociación Álvaro das Casas deu a benvida aos premiados e ao público cun discurso no que salientou a importancia da economía agraria como motor dinamizador dunha sociedade rural que se debate entre a desertización e a pervivencia.
Benigno Pereira, de Queixerías Bama, recolleu emocionado o premio facendo un pormenorizado relatorio desde os inicios nos que de xeito tradicional realizaban os seus pais e avós a elaboración artesanal do queixo ata hoxe, no que a empresa conta con gran proxección nos mercados, indicando que non tería sentido facer algo tan noso noutra lingua que non fose a galega.
A empresa Solaina Minei, S.L. unha sociedade agraria ubicada en Castrelo de Miño foi outra das premiadas pola recuperación dun espazo practicamente abandonado que converteron nunha única viña de arredor de 30 hectáreas a máis grande do Ribeiro e produce un viño “Nove Queipos” con castes autóctonas de grande calidade que leva fóra das nosas fronteiras a lingua galega na súa etiquetas. Recolleu o premio D. Jaime Méndez Paz agradecendo o premio dun xeito emocionado.
Por vez primeira a Asociación Álvaro das Casas fixo entrega de dúas mencións honoríficas a senllas entidades que co seu traballo protexen e recuperan un modo de ser e facer propio do país.
Recolleu a da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea o seu presidente D. Carlos Rodríguez que explicou que o pan de Cea é unha forma de vida que a través do séculos se mantivo de mans dos máis de 17 fornos que actualmente existen no municipio.
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) foi outra das galardoadas cunha mención honorífica xa que ten como finalidade a mellora da calidade dos viños galegos, a prevención e control de enfermidades da vide e a recuperación das castes autóctonas. Recolleu a distinción D. Manuel Rodríguez Vázquez, director da AGACAL (Axencia Galega de Calidade).
O presidente do Consello Regulador do Ribeiro, D. Juan Manuel Casares Gándara no seu discurso reparou na importancia que tiveron algúns acontecementos históricos, tal foi o caso do 1º Congreso de Economía de Galicia celebrado en 1925 no se que se solicitou a creación do organismos que agora dirixe. Ao tempo, sinalou a relación que existe entre o territorio,a súa economía e lingua, que ten no Ribeiro expresión acaída.
O alcalde de Ribadavia, D. César Fernández Gil agradeceu que unha vez máis a entrega dos Bacelos de Prata se fagan en Esposende.Esta circunstancia contribúe a que o concello sexa un referente cutural de primeira orde ao unir lingua a co sector vinícola do Ribeiro.
Pechou o acto o Conselleiro de Medio Rural que puxo en valor ao sector agroalimentario galego, que soubo conxugar os procesos tradicionais desde unha óptima innovadora, apostando por adaptarse ás necesidades e demandas nun mercado sen perder a esencia e a calidade do produto, insistindo na necesidade de apostar polo I+D+i para competir nun mercado global cada vez máis esixente. Nesta liña, o conselleiro explicou que as empresas galardoadas cos Bacelos de Prada amosan que Galicia é unha comunidade de calidade máis que de cantidade.