XV Edición premios Bacelos de Prata. Esposende (Ribadavia) 7.10.23
Lingua, consumo e identidade.
Nun entorno emblemático como é a adega do Pazo dos Ulloa celebrouse a XV edición dos premios Bacelos de Prata que desde hai anos convoca a Asociación Álvaro das Casas, integrada no colectivo Galeguizar Galicia, para premiar a empresas do sector agroalimentario que utilizan a lingua galega na etiquetaxe e publicidade dos seus produtos de calidade.
Xosé Carballido Présas foi o encargado de conducir o acto no que houbo música e palabra. O acto estivo presidido polo Conselleiro do Medio Rural, D. José González Vázquez; o Alcalde do concello de Ribadavia, D. César Fernández Gil; a Vice-presidenta Consello Regulador do Ribeiro, Dª Concepción Iglesias Pousa; o presidente do Foro Peinador, D. Xosé González Martínez e a secretaria da Asociación Álvaro das Casas, Dª Carme Pérez Vaquero.
D. Anibal Blanco, da ADEGA TAPIAS MARIÑAN, recolleu o premio agradecendo o traballo das entidades que conforman o colectivo Galeguizar Galicia pola defensa que fan da lingua galega indicando que non poderia ser doutro xeito porque a lingua conforma a súa identidade.
D. Pedro Boquete, en representación de LEITE NOSO, S.L. agradeceu o premio explicando que nunca houbo outro criterio que a utilización do galego na publicidade e nas etiquetas dos seus produtos porque é a maneira de ser e facer de todos os que integran a empresa.
María do Ceo puxo a nota musical ao acto interpretando varias cancións en galego e portugués que fixeron a ledicia dos asistentes.
Pechou o acto o conselleiro do Medio Rural comprometéndose publicamente a apoiar económicamente desde a súa consellería as accións que se realicen desde o colectivo Galeguizar Galicia, nomeadamente desde o Foro Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros.