A adega do Pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia) foi un ano máis o escenario da entrega dos Bacelos de Prata que neste ano cumpriron os dez anos de existencia. Todo un reto na ilusión e complicidade que a asociación vén mantendo cos produtores vitivinícolas e a lingua galega.
O acto estivo presidido por D. Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de cultura, educación e ordenación universitaria; D. Carlos Varela García, Fiscal superior de Galicia; D. Avelino Muleiro, Presidente da Asociación Álvaro das Casas; D. José Felicísimo Pereira Feijido, Vicepresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e D. José Prieto, Concelleiro de Cultura do concello de Ribadavia.
Asistiron ao acto representantes dos grupos parlamentarios de Compromiso por Galicia (CxC); Bloque Nacionalista Galega (B.N.G.); Partido Popular de Galicia (P.P) e Partido Socialista de Galicia (P.S.de G.).
Numeroso público asistíu ao acto para demostrar o seu apoio as adegas premiadas ARCO DA VELLA-ADEGA DO ELADIO da denominación de orixe Ribeiro e TERRA DE ASOREI, da denominación de orixe Rías Baixas-Subzona Val do Salnés, que co seu bo facer promoven de distinguen a calidade do viño galego nos mercados nacionais e internacionais.
Nos seus discursos os galardoados fixeron fincapé na necesidade de unir a elaboración do viño coa calidade do produto marcando a utilización da lingua galega como un valor engadido nun mundo globalizado.
Pechou o acto o Conselleiro de Cultura, Sr. Vázquez Abad, felicitando ás adegas polo recoñecemento recibido e pola súa firmeza no uso do galego porque coa personalidade lingüística impresa convértese nun contertulio máis nas mesas onde é degustado.
A Coral Val do Avía, dirixida por D. Celso Domínguez, foi a encargada de animar o acto coa súa interpretación de varias pezas e o himno galego.