Hai oitenta anos que don Álvaro das Casas xuntou no seu pazo de Esposende a un número de colleiteiros para propoñerlles crear a Unión de Colleiterios do Ribeiro do Avia (UCRA). Aquela entidade nacía para poñer orde nun sector atomizado, no que os protagonistas era humildes colleiteiros que malvivían das súas viñas.
A pretensión era variada: constituír unha cooperativa que velase pola calidade dos viños da marca “Ribeiro”, bastantes desprestixiada por prácticas de adulteración; e pola outra, identificar eses viños coa cultura e a lingua. A Declaración da UCRA prevía tamén artellar estratexias para a comercialización dos viños.
Moitos anos despois de que aquel proxecto fose interrompido por mor da sublevación militar de 1936, no mesmo pazo constituíuse a Asociación que leva o nome do seu propietario (Asociación Álvaro das Casas) que ten como obxectivo rescatar o ideario da UCRA cos premios “Bacelos de Prata” para fomentar o uso da lingua galega na etiquetaxe. Os resultados desta ducía de anos de convocatoria dos premios son máis que evidentes: hoxe hai en Galicia ao pé de duascentas marcas de viños e licores que se etiquetan en galego, albiscando que esa cifra no futuro medrará.
Este ano os premios Bacelos de Prata ampliáronse ao sector agroalimentario, un sector directamente ligado coa terra e coa cultura do noso pobo, e que aproveitando o empurrón da galeguización no sector vinícola consideramos necesario abrir un horizonte máis amplo e diverso con outros produtos que optaron por se distinguiren nos mercados coa súa etiquetaxe en galego.
Os premiados deste ano foron a adega O Alborexar no Ribeiro, de Castrelo de Miño, e Hoxe Sociedade Cooperativa Galega da comarca do Deza, empresas que veñen desenvolvendo a súa actividade en galego desde os seus inicios, dirixidas por xente xovén que aposta polo sinal de identidade para diferenciar os seus produtos de calidade nun mercado globalizado.
O acto estivo presidido por D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, Dª. Maria Luz Fernández, Delegada Territorial da Consellería de Cultura en Ourense; D. Juan Manuel Casares Gándara, Presidente do Consello Regulador do Ribeiro; Dª. María Touza, concelleira de cultura do concello de Ribadavia e D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas.