O Día 26 de abril do ano 2008 levouse a cabo o acto de nomeamento de D. Luís Manuel García Mañá -Xefe Superior de Policía de Galicia, como Fillo adoptivo do Concello de Calvos de Randín. A Corporación municipal adoptou o acordo pola importante labor que García Mañá vén desenvolvendo para rescatar do esquecemento ao Couto Mixto e facendo especial fincapé no seu traballo de recuperación da historia do territorio que conforma esa singular “República dos soños”. Luís García Mañá é autor do libro “Couto Mixto: unha república esquecida” así como doutros nos que o autor recrea historias deste territorio tan peculiar.
O acto celebrouse na igrexa de Santiago de Rubiás que estaba ateigada de personalidades do mundo da cultura, da política, etc… así como centos de amigos e amigas que percorreron toda Galicia para acompañar a García Mañá nese acto tan entrañable. Arroupado polos seus, García Mañá fixo un fermoso discurso de resposta á louva feita por D. Carlos Varela García -Fiscal Superior de Xustiza de Galicia.
O Alcalde, Aquilino Valencia, emocionado, impúsolle a medalla e fíxolle entrega dun fermoso diploma que o acredita como Fillo adoptivo das terras do Couto.