
O sábado día 21 de xullo de 2008 levouse a cabo no Moste¡ro de San Rosendo, en Celanova, o acto fundacional da Irmandade Xurídica Galega, entidade creada no seo da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia no que se encadran profesionais do dereito (maxistrados, fiscais, xuices, avogados, secretarios xudiciais, persoal administrativo, etc..) conscientes da necesidade de crear un movemento galeguizador na Administración de Xustiza en Galicia que incorpore aos usos xurídicos o noso idioma tan arredado do mundo xudicial así como a dignificación idiomática e nacional que se asenta nas posibilidades que confire o marco legal vixente.
No acto, que convocou a máis de douscentos profesionais do Dereito que presenciaron a sinatura de compromiso de pertenza á Irmandade Xurídica Galega dos primeiros membros -21 persoas- así como a imposición de togas e medallas aos mesmos, evocouse a figura de don Sebastián Martínez Risco, mestre de xuristas e ex-presidente da Real Academia Galega. Glosaron a importancia desta figura histórica dous dos seus sobranceiros discípulos, os avogados Xosé Luís Franco Grande e Xosé Luís Rodriguez Pardo. Asistiron ao acto as fillas de don Sebastian Martínez Risco ás que se lle fixo entrega dun exemplar do libro editado para a ocasión dedicado polo Fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela García -membro da Irmandade Xurídica- e polo Presidente da mesma, D. Xoaquín Monteagudo Romero.
O acto estivo presidido pola Secretaria Xeral de Política Lingüística, Dna. Marisol López; polo alcalde de Celanova, D. Antonio Mouriño e pola Delegada provincial da Consellería de Xustiza en Ourense.
Ao remate do acto todos os membros togados a Irmandade Xurídica e público asistente foron en procesión ata a casa de Curros onde o fiscal, D. Benito Montero Prego, leu un fermoso discurso.