O Foro Enrique Peinador reivindica un século de economía galega con identidade (1925-2025)
O auditorio do Vello Cárcere de Lugo acolleu onte a conmemoración do centenario do Primeiro Congreso de Economía de Galicia celebrado na cidade no ano 1925, nun acto promovido polo Foro Enrique Peinador coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Caixa Rural Galega e o Grupo El Progreso.
O encontro foi inaugurado polo concelleiro Mauricio Repetto, en representación do alcalde, e pola deputada provincial Pilar García Porto, quen salientaron o acerto de recuperar un episodio esencial da historia económica de Galicia porque a economía non pode desvincularse da cultura, da lingua nin das persoas.
O presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, evocou o espírito do congreso de 1925, no que xa se formularan propostas de desenvolvemento económico planificado, aproveitamento racional dos recursos e cohesión territorial, baseadas nun pensamento económico galeguista que foi truncado pola historia, insistindo na necesidade de recuperar aquel legado e adaptalo ao presente, convertendo a lingua e a identidade en motores de futuro.
O director comercial da Caixa Rural Galega, José Manuel López, realizou unha radiografía da economía lucense, salientando os seus puntos fortes e as súas carencias estruturais, entre elas o envellecemento, a perda demográfica e as deficiencias nas comunicacións, subliñando o papel das entidades financeiras de proximidade como garantes do desenvolvemento sostible no territorio.
A bióloga de profesión e gandeira de vocación Ana Corredoira que está ao fronte da explotación leiteira ecolóxica “Leite Sen Máis”, salientou a crise sen precedentes que vive o sector agrario, especialmente o leiteiro, no que apenas quedan 6000 explotacións en Galicia. Reivindicou unha gandeiría familiar defendendo con firmeza o papel da muller nun sector historicamente pensado por homes que segue competindo en desvantaxe con outros debido aos problemas de comunicación e conectividade existentes.
A presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro Vilas, reflexionou sobre os dereitos lingüísticos como base lexislativa para a normalización da lingua galega no ámbito socioeconómico, defendendo que o galego debe ocupar o lugar que lle corresponde tamén nas relacións comerciais, empresariais e xurídicas.
A directora xeral de XesGalicia, Raquel Rodríguez Espiño, deu a coñecer o novo plan de normalización lingüística que está elaborando a Xunta que contempla un selo de calidade para as empresas que usen o galego na súa liña de negocio.
O historiador Ricardo Gurriarán presentou o seu libro “Álvaro Gil Varela, no luscofusco”, unha biografía do empresario e mecenas lucense editada por Pío García, na que se recupera a traxectoria dun home comprometido co país, coa cultura e coa lingua galegas. A familia do homenaxeado estivo representada pola neta do homenaxeado, Elena Gil, quen agradeceu o recoñecemento á figura do seu avó.
A presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, evocou a intelixencia e o espírito innovador de Álvaro Gil, un empresario adiantado ao seu tempo, que bebeu das ideas do Primeiro Congreso de Economía de Galicia e que entendeu a empresa como un compromiso coa sociedade.
O acto rematou coa inauguración dun busto en bronce de Álvaro Gil Varela, obra do escultor José Molares, situado nas inmediacións da que fora a súa derradeira morada, como símbolo de gratitude e memoria a un dos grandes impulsores do pensamento económico e galeguista do século XX.









































