Celebrouse no Salón de Graos da Facultade de Dereito da USC a XVI Asemblea Xeral da Irmandade Xurídica Galega, presidida polo Reitor da Universidade, D. Antonio López; o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, D. José López Campos; o Delegado do Goberno en Galicia, D. Pedro Blanco Lobeiras; a Presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Dª. Sandra Piñeiro Vilas; o Decano do Colexio de Notarios de Galicia, D. José María Graiño Ordóñez; o Presidente da Irmandade Xurídica, D. Xoaquín Monteagudo Romero e a Avogada do Estado, Dª. Consuelo Castro Rey, quen foi nomeada Irmandiña de Honra e recibiu a insignia de ouro da Irmandade tras unha emotiva louva a cargo da fiscal da Audiencia Provincial de Ourense, Dª. Carme Eiró.
Este ano os actos tiveron unha especial relevancia tras a intensa mobilización do persoal xudicial e as negociacións coa delegación do Goberno e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que culminaron nun acordo para corrixir a situación dos usos lingüísticos na Administración de Xustiza. O Ministerio de Xustiza e a Xunta de Galicia asinarán un convenio que permitirá que o novo programa informático “Atenea” sexa bilingüe (galego/castelán), facendo posible a tramitación de expedientes en lingua galega nas oficinas xudiciais.
Durante a asemblea asinouse un protocolo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Colexio Notarial de Galicia e a Irmandade Xurídica Galega para fomentar o uso do galego no ámbito notarial. Os instrumentos xurídicos tramitados nas notarias teñen un impacto directo na cidadanía, polo que se considera esencial garantir a súa dispoñibilidade en galego. Nos próximos meses, a plataforma dixital do Colexio Notarial incorporará a nosa lingua, reforzando a cooficialidade efectiva que establece o ordenamento xurídico. Como primeira medida, actualizarase o Formulario Notarial elaborado hai 25 anos polo notario D. Victorino Gutiérrez Aller.
Os actos comezaron coa colocación dun busto en bronce en homenaxe a Victorino Gutiérrez Aller no exterior da Facultade de Dereito da USC, notario da vila de Lalín, foi un dos profesionais que máis contribuíu á tramitación de instrumentos xurídicos en lingua galega.
Recuperar figuras como a súa é esencial para que a sociedade, especialmente o estudantado de Dereito, conte con referentes na defensa da nosa lingua e identidade.
Unha nova fornada de sete irmandiños e irmandiñas entrou a formar parte da IXUGA e entre eles o Delegado do Goberno en Galicia que se comprometeu a utilizar e defender o uso da lingua galega na súa actividade profesional. En nome de todos eles tomou a palabra Dª. Cristina Varela García, secretaria de admón.local.