REMEMORANDO A HISTORIA DA NOSA LINGUA

    O 27 de marzo de 1985, a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña presidida polo maxistrado Ricardo Leirós Freire, á que estaban adscritos os tamén maxistrados Gonzalo de la Huerga e Claudio Movilla, decidiron recuperar o idioma galego para ditar unha setenza solicitada por unha das partes do litixio, o Concello de Redondela, ao abeiro do establecido polo art. 7.2 da Lei de Normalización Lingüística que ampara o dereito  a ser notificado no idioma elixido.

    Trinta e cinco anos despois, a Irmandade Xurídica Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia, nomeadamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello da Coruña conmemoraron aquel feito histórico colocando unha placa de bronce diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para deixar constancia do feito e dos seus protagonistas, os maxistrados da sala que ditaron a sentenza e tamén en homenaxe aqueloutros axentes xurídicos e persoal que apoiaron esa proposta galeguizadora.

    Presidiron no acto o presidente da Irmandade Xurídica, D. Xoaquín Monteagudo Romero; o letrado membro da Irmandade D. Xosé A. Pérez Lema; D. Carlos Varela García, fiscal da Fiscalía Superior; o Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez: o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia;  D. José María Gómez y Díaz-Castroverde; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García.

    Participaron no acto concelleiros e concelleiras de todas as forzas políticas representadas no concello da Coruña, o maxistrado do Tribunal Superior D. Luís Villares Naveira, a maxistrada Dª. Dalila Dopazo, avogados e avogadas da Irmandade Xurídica Galega e público en xeral.

    O acto foi amenizado pola magnífica voz de María do Ceo co acompañamento as guitarras de Alex e José Salgado.

    Previous articleCATRO SÉCULOS DESPOIS
    Next articleUNHA LINGUA PARA TODOS OS USOS