Para que un pais teña economía de seu, e non sexa dependente, precisa de varias premisas: dunha estratexia gubernamental e dos seus órganos de xestión específicos, para incentivar o desenvolvemento socioecocioeconómico que active todos os recursos naturais. Deste xeito crearíamos unha oferta económica competitiva que faga fronte ás foráneas e equilibre, ao novo favor, a balanza de pagos; isto quere dicir que un pais que exporta é máis rico co que importa. Pero amais desa planificación económica é preciso implicar a todos os sectores sociais e sobranceiramente aos consumidores e consumidoras. Se estes non se decantan polo consumo propio optando somente por produtos foráneos, estaríamos reducindo a nosa actividade extractiva e industrias de transformación e contribuindo ao subdesenvolvemento económico de Galicia. O sector agroalimentario e as súas industrias transformadoras necesitan de consumidores responsables. Precisamos dunha política competitiva para gañarmos mercados internacionais; pero tamén a implicación no consumo interno que faga posible a viabilidade das nosas explotacións agrarias e das súas industrias. Unha economía débil e unha lingua restrinxida únicamente a ámbitos literarios, precisan dunha alianza para afortalárense mutuamente. Velaí porque a lingua debe estar indisolublemente unida á economía. A palabra final téñena os consumidores. Se queren ter unha economía propia, sólida, que garanta o medio de vida dos seus cidadáns, deben consumir produtos xerados no país. E se tamén queren que o futuro da lingua galega teña, tal como dicía don Álvaro Cunqueiro mil primaveras máis, noso idioma debe campar nas etiquetas dos nosos produtos como garantía de calidade e denominación de oríxe. Galeguizar a economía e galeguizar o consumo é premisa fundamental para termos futuro.