Debemos ser o único país con lingua propia no que a parroquia dos vivos non fala a dos mortos. Para dicirmolo dun xeito máis comprensible, en forma de pregunta: como é posible que a parroquia dos vivos sempre falase galego e a dos mortos (cemiterios) fale castelán? Que peaxe cultural é esa nas que os que sempre falaron en vida o galego sexan lembrados despois de mortos nunha lingua distinta cunha lápida en castelán?. A estas dúas preguntas deberían responder, sen excepcións, todos os galegos. Pero preocúpannos máis o silencios dunha parte da sociedade que se caracteriza pola participación en actos reivindicativos da nosa identidade. Nese silencio albiscamos unha complicidade de moitas persoas e axentes sociais. Sen dúbida, este comportamento é propio dunha esquizofrenia cultural.
A campaña “En galego, agora e sempre” promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística enmárcase no Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Esta convocatoria está dirixida aos concellos, partidos políticos, sindicatos e todo tipo de entidades asociativas. A participación de todas elas é imprescindible para poñermos orde nunhas prácticas que as cífras estatísticas corroboran: só 1 de cada 1.000 lápidas está escrita en galego; e unicamente un 2% das esquelas publicadas nos medios de comunicación están redatadas no idioma dos defuntos. Se tempos en conta que en Galicia morren todos os anos ao pé de 30.000 persoas segundo os índices publicados polo Instituto Galego e Estatística, o lector pode tirar as súas propias conclusións que son coincidentes coas nosas: hai demasiadas complicidades e silencio en moitos sectores da sociedade galega que din participar en moreas de actos reivindicativos da nosa identidade nacional durante o ano. En resúme: galeguistas en vida, españolistas na morte.