Recuperar o diálogo entre a economía e a identidade galegas é un dos obxectivos fundacionais do Foro E. Peinador. Superar o dilema entre singularidade e globalización é hoxe a tarefa máis urxente que ten que resolver Galicia, as súas institucións e os xestores empresariais, para estar con personalidade propia nos mercados internacionais. Renunciar á singularidade é un acto de consecuencias irreversibles para a nosa identidade nacional. As estratexias empresariais débense asentar na forza que lles pode dar unha denominación de orixe vencellada a unha cultura e a unha lingua, como acontece coas marcas de prestixio internacional. Traballadores e consumidores teñen a obriga tamén de contribuír a acadar este fin. Os reitores das tres universidades galegas comparten esta preocupación. Velaí o por que da súa implicación e o seu compromiso co Foro E. Peinador.